Tendencias

Medalla do Parlamento de Galicia para a Xeración Nós

A Mesa da Cámara acordou a concesión como recoñecemento ao compromiso galeguista inzado polos integrantes deste grupo

  • 17 mar 2021 / 00:16
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Mesa do Parlamento de Galicia acordou, na súa reunión de onte, por unanimidade, conceder a Medalla do Parlamento ao conxunto da Xeración Nós e os seus discípulos. O galardón recoñece o legado galeguista dos integrantes da Xeración Nós, coincidindo co seu primeiro centenario.

O 30 de outubro de 1920 ve a luz o primeiro número da revista Nós, ideada, editada e sostida, entre 1920 e 1936 por un grupo de intelectuais galeguistas liderados por Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Alfonso R. Castelao, Arturo Noguerol, Florentino López Cuevillas e Ramón Otero Pedrayo, círculo que se iría ampliando a un conxunto máis heteroxéneo de colaboradores que participaron neste proxecto, nas súas distintas fases, ata a súa desaparición en 1936.

Personalidades como Xavier Prado Lameiro, Ánxel Casal ou Ramón Cabanillas resultan esenciais neste proxecto, ao igual que todas as figuras -preto de 200- do denominado segundo círculo, que colaboraron nas diferentes etapas da revista.

Galeguismo. Uns e outros conformaron un conxunto de persoas cosmopolitas, europeístas, cultas e vangardistas, mais fondamente enraizadas na realidade local. Con eles, a denominada Xeración Nós, o galeguismo comezou unha nova andaina.

A experiencia de Nós rematou abruptamente co golpe de estado de 1936, a guerra civil e a ditadura, pero a súa semente e o seu exemplo permaneceron imperecedoiros na Galicia territorial e na emigración, sinala o acordo adoptado pola Mesa da Cámara.

O vixente Estatuto de Autonomía de Galicia, promulgado o 6 de abril de 1981, é herdeiro e continuador do truncado Estatuto de 1936, froito do esforzo e o compromiso galeguista inzado pola Xeración Nós.

O acordo da Mesa considera que a autonomía política da Galicia actual é tributaria da semente depositada pola Xeración Nós, méritos que a Cámara galega quere recoñecer coa concesión da Medalla do Parlamento de Galicia 2021.

Por iso, no primeiro centenario da aparición da revista Nós, a Medalla do Parlamento de Galicia 2021 ao conxunto dos integrantes da Xeración Nós e os seus discípulos será entregada ás catro únicas fundacións que, a día de hoxe, perpetúan a memoria dos persoeiros constituíntes da Xeración Nós: Fundación Otero Pedrayo, Fundación Castelao, Fundación Antón Losada Diéguez, Fundación Vicente Risco.

Ao igual que nas edicións anteriores, a Medalla do Parlamento será entregada o vindeiro 6 de abril, aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia, que este ano celebra o seu 40 aniversario.

No pasado ano, 2020, a Medalla do Parlamento de Galicia non foi concedida porque a Cámara se atopada disolta na data prevista para o acto de entrega que coincidía, ademais, co confinamento derivado da primeira onda da COVID-19.

aniversario
Anteriores edicións

··· Nas anteriores edicións, a Medalla do Parlamento de Galicia foi entregada aos expresidentes do Parlamento de Galicia (2006); Comisión dos 16 (autores do anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia, en 2017); Cáritas diocesanas, Cogami e Aldeas Infantiles SOS (2018); e á emigración galega (entregada aos 14 centros e entidades que integran a Comisión delegada do Consello de Comunidades Galegas, como lexítimos representantes do conxunto da emigración galega de todos os tempos, na edición de 2019).

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.