Tendencias

Memorias no OUFF de Expósito, Bugallo, Lourenzo e Cejudo

A Fundación Aisge mostrou no festival de Ourense a biografía deses grandes intérpretes

  • 27 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Ourense Film Festival (OUFF) foi o escenario escollido este domingo pola Fundación Aisge para presentar as biografías de catro grandes intérpretes galegos. Historia dun soño. Autobiografía, de Celso Bugallo; Na pantalla do recordo. Escenas da miña propia vida, de Xan Cejudo e publicada con carácter póstumo; Nunca é tarde, de Pirula Expósito; e Terra labrada, de Manuel Lourenzo, son as monografías que xa forman parte da colección Taller de la Memoria. Para o presidente da fundación, Emilio Gutiérrez Caba, “contan as pequenas vidas, ou as grandes vidas, de quen fixo posible tanto no cinema e o teatro”; e “veñen encher un baleiro, porque era imprescindible coñecer a xente que fóra de Galicia quizais non teñen tanto recoñecemento”. Cabe destacar que, para o actor este foi o seu primeiro acto como presidente da institución.

Bugallo, Expósito, Lourenzo e os familiares de Cejudo recibiron os primeiros exemplares nun acto no Teatro Principal de Ourense, no que tamén leron algúns fragmentos. Á presentación asistiron, ademais de Emilio Gutiérrez Caba, a delegada de Aisge en Galicia, Isabel Blanco, quen lembrou a necesidade de promocionar aos actores con iniciativas como esta. Unha idea que tamén subliñou o director do festival, Miguel Anxo Fernández, nun acto previo no Centro Cultural Marcos Valcárcel: “conservamos as imaxes (as producións audiovisuais), pero necesitamos saber tamén quen foron estas persoas”. Xa son 116 as obras publicadas polo Taller da Memoria da Fundación AISGE.

Tema marcado como favorito