Tendencias

Neofalantes, o novo portal para os que se sumerxen no galego

O proxecto dixital desenvolverase ao longo de tres anos e pretende valorizar este impulso

  • 31 ene 2022 / 18:13
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A USC e a Xunta, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, colaborarán nun proxecto dixital que, apoiándose nas tecnoloxías, busca avanzar no estudo do neofalantismo. Esta iniciativa desenvolverase ao longo de tres anos e consta de tres fases coas que se pretende impulsar e valorizar o neofalantismo e as conexións do galego co mundo da empresa e da lusofonía. O grupo Novos Medio da Facultade de Ciencias da Comunicación é o responsable deste novo proxecto. Para iso, nunha primeira fase, deseñou o sitio web Neofalantes, un portal de noticias que pretende servir de nexo de unión da comunidade neofalante en galego.

“Este proxecto analizará como está a ser o proceso de incorporación de uso do galego por parte das persoas que tiveron o castelán, ou outro idioma, como primeira lingua, e que logo acabaron achegándose ao galego”, explican dende este grupo de investigación da USC.

Neste senso, a proposta inicial inclúe a elaboración dun portal e o aproveitamento de aplicacións sociais para implicar a colectivos que optaron por incorporar a lingua galega nas súas interaccións cotiás. “Por iso, vai destinada sobre todo a un público novo, sen desbotar que hai neofalantes de todas as idades”, engaden.

O acto de presentación estivo presidido polo reitor Antonio López e contou coa presenza de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Xosé Ramón Pousa, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación; Xosé López, director do Grupo de Novos Medios, e Alba Silva, vicedecana do centro. O reitor puxo o foco no compromiso que a institución compostelá mantén coa promoción do galego e da lusofonía. Ademais, Antonio López destacou que Novos Medios é un grupo que achega dúas décadas de experiencia na investigación sobre as novas ferramentas da comunicación.

Nesta mesma liña pronunciouse o decano do centro ao subliñar que Ciencias da Comunicación constitúe unha Facultade de referencia na docencia en galego e que este tipo de proxectos eríxense nun avance para o idioma. Situar no ecosistema lingüístico os e as neofalantes é a vontade deste proxecto, tal e como explicou o catedrático da USC, Xosé López. Finalmente, o secretario xeral de Política Lingüística quixo destacar que este tipo de iniciativas contribúen a que as persoas rompan co pudor, os prexuízos e os atrancos sociais á hora de botar man da lingua galega.

TRES FASES. O portal conta con varias seccións sobre o mundo neofalante, sobre actualidade da lingua galega, investigacións lingüísticas, polémicas en redes relacionadas co galego, unha sección de vídeos e, finalmente, unha de opinión. Ademais contará cunha activa presenza en redes sociais, sobre todo, nas predilectas da mocidade: Instagram e Tik Tok, aínda que tamén terá canle de Youtube, Facebook e Twitter.

Nunha segunda fase, o grupo traballará na posta en marcha dunha ferramenta tecnolóxica interactiva que funcionará a xeito de rede social entre a comunidade neofalante e favorecerá a creación de comunidades virtuais de todo o mundo que empreguen o galego.

A web servirá tamén como fío de contacto entre distintos sectores que empregan a lingua galega para facer negocio, polo que se creará unha área empresarial específica destinada a conectar a responsables de empresas ou persoas interesadas en crear negocios e a servir de enlace entre estes, en distintos países, especialmente, no mundo lusófono, a través da lingua galega.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.