Tendencias

Nos 800 anos do Rei Sabio

Afonso X e Galicia ofrécenos unha visión plural da relación que o monarca tivo coa nosa terra

  • 10 ene 2022 / 00:27
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O nacemento hai oito séculos de quen sería Afonso X de Castela e León motivou diversas conmemoracións por parte das administracións públicas. A partir do pasado novembro, cando se cumpriu a efeméride, houbo xornadas en Toledo ou Murcia ou unha exposición sobre os manuscritos afonsinos promovida por Patrimonio Nacional en El Escorial.

Desde Galicia se engadiron unhas xornadas celebradas no compostelán Pazo de San Roque, unha xornada da Universitat de Barcelona e a publicación de Afonso X e Galicia, no que coa coordinación das profesoras Mercedes Brea e Pilar Lorenzo Gradín, diversos especialistas abordan desde cadansúa disciplina os diversos aspectos que conformaron –para ben ou para mal- as relacións do Rei Sabio coas terras galegas e a sociedade do seu tempo.

Cabería situar estes estudos en dous ámbitos principais: a repercusión en Galicia da reorganización política impulsada por Afonso X no conxunto dos seus reinos e a súa participación –coma autor e coma promotor- na conformación da lírica en lingua galega.

No primeiro ámbito, cómpre salientar tanto os conflitos que a coroa tivo coa xerarquía eclesiástica –especialmente con Compostela- como a relación que mantivo coa nobreza galega, boa parte da cal exercera durante anos unha función de goberno delegada. Esta situación viña motivada en boa parte por dúas circunstancias de tipo histórico ás que o monarca tivo que dar resposta: o comezo da hexemonía das cidades por riba do dominio territorial feudal e a unificación das novas terras conquistadas en Andalucía cos reinos de Galicia-León e Castela baixo o epígrafe, de feito, deste último.

Esta nova organización supuña friccións coas cidades galegas que tiñan gobernos feudais episcopais (Compostela, Ourense, Tui) e entre a coroa e os burgueses, dunha banda, e os poderes mitrados doutra. Non esquezamos o pacto implícito establecido entre Afonso VI e Xelmírez polo cal este e os seus sucesores influían en Galicia e deixaban á coroa a xestión do resto do reino. E do mesmo xeito que o Rei Sabio promoveu o uso do castelán na administración dos reinos, no caso galego pasouse a empregar o galego en troques do latín.

No segundo dos ámbitos estudados, o literario, atopamos dous campos que malia seren diferentes, non poden afastarse entre eles: a produción propia de cantigas profanas –especialmente de sátira- e mais o conxunto de trobadores e segreis que frecuentaron a súa corte, e a monumental empresa que supuxo o conxunto das Cantigas de Santa María, na confección das cales participaron algúns de aqueles.

Como ben indican as editoras, malia que a bibliografía afonsina sexa oceánica, sempre quedan cousas por aflorar. Malia isto, e tal vez por tratarse dun libro institucional, os máis dos especialistas participantes optaron por transitar por camiños coñecidos e facer, dalgún xeito, unha posta ao día do estado da cuestión. Con todo, algún autor explorou novas vías tanto no ámbito da nobreza galega e a participación feminina nel, e relacionalo co ámbito literario. Con todo –e esta sería unha crítica limitada- atópase un conservadorismo crítico, habitual nos estudos galegos, que con frecuencia non abandona certos lugares comúns (poñamos por caso, o tratamento dado á “Balteira”) de difícil demostración documental.

Na presentación, as editoras indican algúns dos temas que, por limitacións de espazo, non puideron seren abordados, entre eles as relacións que con Galicia tivo Fernando de la Cerda e das razóns que levaron á súa neta Margarita e ao infante Felipe a querer seren enterrados en Santa Clara de Allariz, mosteiro fundado por Violante de Aragón, a muller de Afonso X e filla de Xaime I. Ou tamén a relación que tivo con Galicia María de Molina, neta de Afonso IX de Galicia-León e curmá e nora de Afonso X.

Postos a sinalar outros asuntos nos cales profundar, cabería considerar o papel exercido polas Cantigas de Santa María durante séculos como único texto coñecido practicamente en lingua galega, ata a aparición dos cancioneiros profanos, comezando polo de Ajuda a comezos do século XIX. Ou no ámbito político, e unha vez roto o equilibrio entre a coroa toledana e a mitra compostelá, como aumentou o illamento galego cando o centro do poder pasou ao eixo Toledo-Sevilla.

Joaquim Ventura

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.