Tendencias

O Cpeig confía nunha xestión triunfal da transición dixital

“Os sistemas tecnolóxicos volvéronse indivisibles das sociedades”, sinala Suárez na XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

  • 28 nov 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Cpeig celebrou onte a XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que este ano contou cunha dobre vertente presencial e virtual. No Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago tivo lugar o evento presencial coa entrega dos premios anuais da profesión, ao que asistiron trinta persoas, mentres na emisión en directo estiveron conectados 400 profesionais do sector TIC de Galicia.

A xornalista María Almodóvar presentou esta duodécima edición, que clausurou o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo.

O presidente do Cpeig, Fernando Suárez, deu a benvida a todos os asistentes, tanto a premiados e autoridades presentes como á multitude que seguiu a gala virtual, á cita do colexio co sector da sociedade da información en Galicia.

Nun ano atípico como este, agradeceu especialmente o compromiso de todas as empresas TIC colaboradoras, xa que “o apoio, a unidade e a solidariedade que sempre defendemos son máis necesarias que nunca”.

Destacando a importancia da profesión de enxeñaría en informática para combater a pandemia, incidiu no papel da tecnoloxía para poder manter un alto nivel de actividade en moitos sectores, ademais da transcendencia das ferramentas informáticas para lograr a ansiada vacina mediante técnicas como a computación de altas prestacións ou a simulación.

“Vivimos nun período de profundos cambios, no que os sistemas tecnolóxicos volvéronse indivisibles das sociedades, empresas e gobernos aos que serven”, sinalou, e engadiu ademais que “os avances chegan tan rápido e en cantidades tan grandes que aqueles que non poden adaptarse quedan atrás, mentres que os rivais máis áxiles móvense para gañarse os corazóns e as mentes dunha poboación cada vez máis coñecedora da tecnoloxía”.

Explicou que “o mundo está inmerso nunha carreira tecnolóxica acelerada, no medio dunha revolución científica sen precedentes. A competitividade dos países dependerá da súa capacidade de desenvolver e implantar novas tecnoloxías, e convertelas en produtos e servizos de valor”.

Asegurou que os cambios tecnolóxicos, económicos e sociais comportan enormes avances, pero sitúan á sociedade ante novos retos.

Indicou que o maior desafío será xestionar a transición dixital con éxito para que os beneficios desta dixitalización cheguen á maior parte dos cidadáns.

“Debemos fomentar o desenvolvemento de iniciativas que impulsen as competencias dixitais como base da educación do cidadán do século XXI, renegociando e redefinindo valores comúns para construír o noso futuro dixital sobre a base de principios como a equidade, a non discriminación, a responsabilidade e a inclusividade”.

Neste ano marcado pola COVID-19, a gala servirá de apoio a familias que están a vivir situacións complicadas. De feito, entregouse un 5 % da recadación dos patrocinadores da Noite a Cáritas para que poida agasallar aos pequenos máis necesitados con material tecnolóxico para a súa educación. O presidente de Cáritas Interparroquial de Santiago, Luis Calviño, recolleu o talón solidario.

O Cpeig decidiu agasallar ao público presente e virtual cunha caixa de produtos galegos de alimentación gourmet. Como detalle, no kit figura un código QR que os destinatarios poderán escanear un tour virtual de 360º, creado pola empresa Ilux.

Como espectáculo lúdico, o mago Jorge Blass ofreceu aos asistentes un show no que uniu maxia e tecnoloxía.

dez categorías
premiados

···A Cidade das TIC recibiu o premio en grandes proxectos TIC. O recolleron o reitor da UDC, Julio Abalde; o presidente do Clúster TIC de Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, e o director do Igape, Fernando Guldrís. Xosé A. Sánchez Bugallo recolleu o da iniciativa da administración para Smartiago. O da empresarial concedeuse á app Localsafe e foi recollido polo seu CEO, Diego González. O e-Inclusión foi para Aspace por #Aspacenet, e o recibiu a presidenta en Galicia, Mónica Touriño. O proxecto fin de mestrado recaeu en Aida Vidal Balea. O da innovación tecnolóxica no ensino foi para a Tecnópole. O recolleu a directora de GAIN, Patricia Argerey. Na categoría de iniciativa emprendedora foi para Appentra, e o agradeceu o seu CEO, Manuel Arenazonline. Recoñeceuse a traxectoria do doutor en Informática Miguel Rodríguez Rubio, catedrático na UDC. O Ada Byron foi para a enxeñeira en informática Sabela Ramos, que non puido estar. Por último, foi nomeado colexiado de honra Miguel A. Amutio, director de planificación e coordinación de ciberseguridade do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, que si estivo presente no evento.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.