Tendencias

O galego, ao lixo?

    • 09 jun 2020 / 21:04
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    Refírome ao idioma galego, obxecto do artigo de Rafael S. Ferro Vázquez, publicado poucos días despois do Día das Letras Galegas. A alternativa que propón para o mesmo, por lóxica metonimia, sería aplicábel tamén ao galego como povo, xa que a lingua de noso é distintiva e específica da nosa existencia como historia e como sociedade diferenciada, a pesar da dependencia política. O autor propón para ela, para a lingua galega, a eutanasia activa. Segundo el, ninguén o “compra” e a única solución pasa por os galegos e galegas apontármonos ao trío de ases: español, portugués e inglés. É de agradecer que o articulista expoña sen eufemismos a súa opción, por moito que estexa chea de xuízos ignorantes e ousados. Dou por certo, tamén, que na oficialidade política española e autonómica moitos opinan coma el, aínda que non o confesen e malia a súa práctica real dé a razón aos postulados que o autor defende.

    O que resulta inacreditábel é que tal posición sexa louvada e recoñecida por soi disant reintegracionistas. Abonda que alguén, supostamente, mencione positivamente o reintegracionismo para que se estime como desexábel a súa letal proposta de futuro? Até aí pode funcionar o fetichismo verbal? Ou, pior aínda, os chamados reintegracionistas que o “comprenden” e apoian, que entenden por “reintegracionismo”? A eliminación, acaso, do galego, non “confundido” co portugués, como quería Castelao, senón absorbido, abducido ou vaporizado por este? Como é, daquela, que tal “solución” non se postula, desde o portugués europeo, por exemplo, para o portugués de Brasil, da Madeira, dos Açores ou de Mozambique? Ah, claro, é que, nestes casos, estamos a nos referir a ESTADOS ou a comunidades autónomas dun Estado. Palabras maiores. Nós, galegas e galegos, carentes del, pobres de pedir, estamos condenados, seica, a desaparecer, por falta absoluta de competencia neste mundo global.

    Vai ser que non, xaora. Vai ser, sr. Ferro Vázquez, que nós, povo galego, existimos e non acariñamos vontade nengunha de suicidio, por moito que teñamos e padezamos múltiplos cantos de serea para o facer. Olle para os seus proprios apelidos: galegos, galeguísimos. Vostede non se chama “Del Hierro Velázquez”, senón Ferro Vázquez, e eles, estes nomes, son elocuentes da pertenza a unha lingua milenaria, que non elaboramos vostede nen eu, senón que nos veu dada como a máxima creación colectiva do povo galego. A dualidade mortal que padecemos é, precisamente, como o seu artigo revela, a de non (re)coñecérmonos como o que somos, a de non acompasarmos “ser” con “dereito a ser” e con “deber ser”.

    De por parte, asombra que, en pleno século XXI, vostede asimile galego a “rural”, “pouco cultivado” e “económicamente pobre”. Este artigo meu fala de agricultura, é rústico ou miserábel? E, aínda que así fose, por que non tería dereito de existencia? Como non é “capitalista”, cómpre matalo de vez? Como George Floyd non dispuña de diñeiro para mercar no supermercado e utilizou un billete falso de vinte dólares, xustifícase o seu brutal asasinato? Hipérbole? Non, é a mesma lóxica: o que non entra no mercado como produto que se venda ou que se compre, non ten dereito a existir: fóra con el.

    Falei supra de ignorancia manifesta. O galego é, a despeito dunha historia secular iletrada, unha lingua increibelmente unitaria e con intercomunicación zonal perfeitamente asegurada. A modernidade galega comeza xustamente, no XIX e até os nosos días, grazas a unir progreso económico e uso da lingua galega, dereito de subsistencia e aproveitamento dos nosos recursos en beneficio proprio e creación dunha cultura nacional, vehiculada no idioma de noso, si, o proscrito, o negado, o sepultado polo español, o “pobre”, o oprimido pola lingua oficial do Estado e por todas as súas terminais. Leu-entendeu vostede algo de Rosalía de Castro, dos autores das Irmandades da Fala, de Castelao, de autoras-autores de hoxe?

    Xa que fala do reintegracionismo (tal e como vostede o entende) como solución, ignora que Carvalho Calero, en frase lapidaria, escrebeu que o galego para viver o primeiro que ten que facer é sobreviver? A primeira, primeirísima reintegración que nos importa é a dos galegos-as na súa lingua. A que precisamos a respeito do portugués (que non é outra cousa máis que o galego que puido ser oficial e moderno, cun Estado detrás) suponse que será en pé de igualdade, non por dilución ou desaparecemento. Sentada a verdade histórico-científica de que galego e portugués son a mesma lingua (xenética, tipoloxicamente) ou variantes do mesmo sistema lingüístico, un diasistema de amplísima territorialidade e variedade social, é admisíbel que conceptuemos como solución que, xa que a “filla” (o portugués) vive, matemos a “nai” (o galego)? Ben sei que a analoxía ou metáfora orgánica que acabo de utilizar é anticuada, por decimonónica e, tecnicamente, inexacta. As linguas non viven ou morren. Úsanse ou non se usan, simplesmente. Lingua é uso de lingua. Non hai mellor e máis clara definición.

    A nós, galegas e galegos, vainos a vida en ampliar, cuantitativa e cualitativamente, o uso normal da nosa lingua, que dista moito de cumprir os mínimos estándares dunha lingua merecente de tal: ubicua, omnifuncional, interclasista, autosuficiente. Para isto, o portugués debe ser un magnífico espello e un eficaz auxiliar, mais o problema témolo nós, non os nosos viciños. Ou acaso a comunidade lingüística é confundíbel coa unidade política? Se esa for a idea da “lusofonía” que pregoa a oficialidade galega, vivan as entelequias! Nen sequer temos acceso á comunicación radial-televisiva-audiovisual portuguesa de forma xeral e garantida; xa non digamos a produtos escritos ou á posibilidade dun coñecemento regular e sostido da súa literatura ou da súa cultura en xeral. Problema non menor é, por suposto, a indiferenza ou a ollada españolizada con que contemplan desde Portugal Galiza e o galego. Superior, por suposto, a hai cuarenta anos. Sen unha mudanza a ambas beiras do Minho ou da raia seca, mal existirá a bilateralidade necesaria. E ela, a bilateralidade desexada, esixe igualdade na ollada, correspondencia, anagnórise, recoñecemento mutuo.

    Mais, en fin, a elocuencia da lingua empregada por vostede aforra máis comentarios. Español / portugués / inglés: vostede escrebe o seu artigo no primeiro, co cal contribúe directamente á omisión do galego, á naturalidade da súa exclusión, a que o persoal alienado continúe a pensar que o galego é “rústico”, “rural” e, por tanto, non vendíbel. Vale máis, para a tese letal, este feito flagrante que calquer prédica a prol do portugués como idioma “competitivo”. De verdade pensa que o futuro pasa por que os nosos compatriotas se apresten a eliminar o galego para abrazaren entusiasmados o seu descendente? En nome de que? Para emigraren masivamente ao Brasil? A cousa daría para rir, se non fose, como dixo Castelao, que o conto é triste... Toda pretensa glorificación do portugués que non pase polo recoñecemento-normalización integral do galego na súa terra e na súa sociedade (proceso dentro do cal o coñecemento-frecuentación do portugués é vital) ou é reverencia á globalización ou vontade suicida, sadomasoquista. Mortal, en todo caso. Sábeno os reintegracionistas “de catálogo”?

    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.