Tendencias

O imprescindíbel coidado do medio ambiente dende
a terra de xeo

  • 05 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Ocupámonos dunha das novidades da Editorial Galaxia, Akna, os mariñeiros da terra de xeo, obra narrativa escrita por Peio López-Iturri, ilustrada por Irati Merino Petralanda e traducida ao galego por Sandra Torrón Varela. Un álbum no que se ofrece unha boa proposta literaria para a sensibilización medioambiental. Nel amósanse as vivencias de Akna, unha nena inuit que leva o lectorado polo modo de vida da súa comunidade e polo respecto que os seus membros profesan pola contorna propia.

Akna disponse a saír cazar unha balea coa súa familia e, facendo gala da súa curiosidade, non dubida en preguntar sobre a inquedanza que lle rolda a cabeza. Por que só cazan unha única balea ao ano cando hai moreas delas? A resposta que lle brinda seu pai é moi sinxela, dille que para alimentarse tan só precisan dunha. No momento en que saen á caza da balea, atópanse cunhas temibles bestas arrepiantes, bestas que son o reflexo da devastadora caza indiscriminada de baleas por parte dos forasteiros que non comparten os mesmos valores que a comunidade inuit. Axiña, Akna, acompañada dos seus amigos, presenciará como a Nai Terra lles dará o seu merecido ás bestas arrepiantes que a maltrataron e como recompensará a aqueles que si coidaron dela.

Tanto a historia narrada neste álbum como as detalladas ilustracións en escollidos tons fríos achegan de inmediato o lectorado ao día a día nesta comunidade: a súa alimentación, a súa vivenda, o seu lecer... E, sobre todo, mostran o amor polo medio ambiente e o respecto pola biodiversidade. Akna, os mariñeiros da terra do xeo exerce un imprescindible labor de concienciación medioambiental para que, partindo dun coñecemento do medio, a nenez alicerce as bases para acadar un compromiso emocional e poida actuar logo con comportamentos consecuentes e implicados con ese bo fin.

inesmosquerac@gmail.com

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.