Tendencias

O neofalantismo do galego, eido dunha investigación dixital

Xunta e USC lanzarán un proxecto que vai favorecer a creación de comunidades virtuais

  • 22 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Consello da Xunta da hoxe o visto e prace a dúas iniciativas que suporán afondar na investigación e divulgación do uso da lingua galega.

Por unha banda, a Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) colaborarán nun proxecto que usará as tecnoloxías para avanzar no estudo do neofalantismo. En concreto, analizarán como está a ser o proceso de incorporación de uso do galego por parte das persoas que tiveron o castelán como primeira lingua. Por outro lado, o Consello da Xunta tamén deu luz verde a un convenio para impulsar a docencia, investigación e promoción da lingua e cultura galegas na Universidade de Granada, no marco dos convenios periódicos da Xunta con distintas universidades españolas e estranxeiras para promover o estudo do galego.

En virtude ao convenio autorizado coa Universidade de Santiago , o Goberno autonómico financiará o 60% do proxecto do Grupo de Investigación Novos Medios da USC sobre neofalantismo.

A proposta consiste no deseño dun sitio web e social para implicar a distintos colectivos que optaron por incorporar a lingua galega nas súas interaccións cotiás.

Incluirase a posta en marcha dunha ferramenta tecnolóxica interactiva que funcionará a xeito de rede social entre a comunidade neofalante e favorecerá crear comunidades virtuais de todo o mundo que empreguen o galego.

A web servirá tamén como fío de contacto entre distintos sectores que empregan a lingua galega para facer negocio, polo que se creará unha área empresarial específica na web destinada a conectar a responsables de empresas ou persoas interesadas en crear negocios e a servir de enlace entre estes, en distintos países, a través da lingua galega. O proxecto será desenvolvido desde este ano e ata 2023 por parte da USC.


ACORDO TAMÉN COA UNIVERSIDADE DE GRANADA Por outro lado, o Consello da Xunta deu tamén luz verde á sinatura dun convenio coa Universidade de Granada para a docencia, a investigación e a promoción da lingua e a literatura galegas, dando así continuidade á relación de colaboración que manteñen desde o ano 1998.

O acordo, por 12.000 euros, terá unha vixencia ata 2024 e suporá reforzar a ensinanza do galego na Facultade de Filosofía e Letras desta Universidade, coa organización de cursos, conferencias, seminarios, congresos...

A autorización destes convenios completa o traballo da Xunta de Galicia na súa liña para promocionar a lingua galega en distintas partes do mundo e en todos os ámbitos sociais. Trátase dunha estratexia que permite que na actualidade o galego sexa obxecto de estudo en 36 universidades nacionais e internacionais. Estes acordos supoñen impulsar novas pontes dixitais cara as xeracións máis novas mesmo na fala como na escrita do galego.

TEMAS
Tema marcado como favorito
USC
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.