Tendencias

O Parlamento mantén ata marzo a mostra sobre Carvalho Calero

Aberta ao público no Pazo do Hórreo contén libros e documentos do seu arquivo persoal

  • 05 ene 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Parlamento de Galicia vén de prorrogar ata o vindeiro 31 de marzo a Mostra Bibliográfica de Ricardo Carvalho Calero, aberta ao público no Pazo do Hórreo e conformada por libros e documentos do arquivo persoal do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2020.

Co obxectivo de garantir a distancia social e demais medidas de prevención da COVID o Parlamento de Galicia optou por xestionar as visitas mediante solicitude previa, que pode efectuarse por correo electrónico (presidencia@parlamentodegalicia.gal) ou por teléfono (981 55 13 39 ou 981 55 13 80).

A mostra, inaugurada onte canda a presentación do libro Ricardo Carvalho Calero, orador. Discursos e leccións, editado polo Parlamento, foi coordinada por Pilar García Negro, na súa condición de experta na figura do homenaxeado.

A exposición está integrada por medio cento de libros e máis dunha vintena de documentos entre os que se inclúen o carné de socio do Seminario de Estudos Galegos e dúas cartas de Otero Pedrayo, entre outro material pertencente ao arquivo de Carballo Calero, depositado no Parlamento de Galicia, desde 1997, xunto coa súa biblioteca. As visitas á mostra (situada nun dos corredores do Pazo do Hórreo e na sala Carballo Calero da Biblioteca do Parlamento) efectuarase en grupos reducidos, sempre en función da situación sanitaria do momento.

A que no seu momento fora biblioteca persoal de Ricardo Carballo Calero, depositada no Parlamento de Galicia, está catalogada desde o ano 2012 e integrada por 4.872 volumes e 197 titulos de revistas. A maioría dos libros gardan relación coa literatura e a lingüística, disciplinas nas que se centrou o labor profesional de Carballo Calero, que foi o primeiro catedrático de lingua e literatura galega da Universidade de Santiago; conta, ademais, con obras de historia ou filosofía.

Esta biblioteca pode resultar especialmente interesante para os investigadores que traballen no eido da lingüística e a literatura galegas. Inclúe unha moi completa colección de obras de autores galegos desde o séxulo XIX ata a década dos 80 do século pasado, entre as que se atopan gran cantidade de primeiras edicións, coleccións completas e obras de edicións esgotadas que no seu momento tiveran edicións de moi pequena tirada.

Destacan tamén primeiras edicións de autores da xeración do 27. O Parlamento custodia tamén o arquivo persoal de Carballo Calero, descrito en preto de 3.500 entradas catalográficas. Este fondo documental está integrado por material diverso no que se inclúen manuscritos do propio autor e preto de 4.000 cartas, entre as que se atopan escritos de Fernández del Riego, Montero Díaz, Parga Pondal ou mesmo de Otero Pedrayo.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.