Tendencias

O programa culinario da TVG ‘Gañar ou fregar’ chega a Marín

Competirán esta noite polo premio Víctor, de Vigo, e Maite, de Neda, mentres a familia Soage determinará o gañador do duelo de receitas

  • 18 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Televisión de Galicia ofrece hoxe a segunda entrega programa ‘Gañar ou fregar’, nesta ocasión desde Marín. Neste espazo culinario, dous concursantes afeccionados á cociña compiten para ver quen prepara a mellor receita. Teñen que cociñar para unha familia, que cata os pratos elaborados e actúa de xurado.

Este mércores, enfróntanse Víctor, de Vigo, e Maite, de Neda, que cociñan na casa da familia Soage. Será quen emita o veredicto que determine a quen lle cae o premio do espazo da TVG e a quen lle toca fregar a louza.

Para elaborar o seu menú, os concursantes de ‘Gañar e fregar’ contarán unha vez máis coa axuda de María Dapía e Perico Balado, os presentadores do programa, que se encargarán de apadriñar cadanseu participante e de botarlle unha man na cociña.

‘A REVISTA’. O programa matinal ‘A Revista’ despraza hoxe os seus reporteiros por distintos puntos do territorio galego para ver como evoluciona o temporal de choiva e neve, causado polas borrascas Gerard e Fien. Ademais, contará co experto de Meteogalicia Juan Taboada e con Marcos Araujo, xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), para analizar as previsións meteorolóxicas e as medidas a tomar ante posibles continxencias.

Os espectadores do magazine tamén coñecerán o testemuño de Alex Fuste, afectado pola venda de billetes de avión sen asento por parte dunha aeroliña española. Denuncia que cando chegou ao aeroporto lle notificaron que o avión no que voaba nin sequera contaba coa fila na que estaba a praza que tiña asignada.

Doutra banda, a presentadora do espazo matinal, Loly Gómez, conversará con Jorge Aboal Viñas, director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, sobre o programa anunciado pola Xunta para reducir os tempos de espera para cirurxías, consultas e probas diagnósticas, co obxectivo de volver situalos en niveis de 2019.

‘A Revista’ contará ademais coas colaboracións de Manuel Vivas, voceiro da OCU; da xornalista Ana Gayoso, para falar das noticias dos persoeiros famosos, e do médico do Hospital San Rafael da Coruña Manuel Viso.

‘GRANDES CAFÉS’. O programa da G2 ‘Grandes Cafés’, que cada mércores visita algunha das cafetarías máis senlleiras de Galicia e recolle as actuacións musicais que nelas teñen lugar, estará hoxe en Ourense, Vigo e Santiago de Compostela.

Na cidade das Burgas, os espectadores poderán coñecer La Zapatería del Abuelo, un espazo tradicional, presidido por unha gran escalinata, que atesoura a memoria da tenda de calzado que un día rexentou o avó das actuais propietarias. Neste emblemático establecemento, unha das propietarias, Beatriz Alcalá, faLArá da historia do local, mentres unha clienta, Paz Quintela, explicaralle á audiencia como gozar da variada oferta que ofrece. O grupo Barabaña Blues porá a música, co tema ‘ChampagneandReefer’.

En Vigo, a parada do espazo da G2 será no Café Soportales. O xerente do local, José Argibay, o xornalista Fernando Franco e o dono do establecemento, Luís Carlos de Vicente, explicarán as características do singular establecemento do casco histórico da cidade. A música poraa Adrián Torres, interpretando ‘El arte en la calle”. En Santiago, ‘Grandes Cafés’ visitará o café do Casino, aberto en 1873.

Tema marcado como favorito