Tendencias

O rego de días duros

    • 03 oct 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    nun programa da tele, un prestixioso actor dramático endosou ao ministro de Sanidade ternos convertido a clase política nun descridos. Concordo. Dun tempo para acó semella a roda da fortuna vir xirando cara a abaixo, non só para España pero si de maneira especial para España. Se ao señor Sánchez, que houbo, como Fausto, de vender a alma a Mefistófeles para acadar un fin máis ben prosaico, lle dixeran que á volta da súa investidura íao estar agardando un bichoco disposto a poñer o mundo patas arriba, ao mellor o pensaba un chisco para non ter que dicir, como agora estará dicindo, onde carallo me metín? Afirmaba a clerigalla en tempos dos Austrias que era o pobo inocente quen pagaba os pecados dos seus reis. Será, talvez, que unha rigorosa providencia dispuxo que a praga dos nosos días fose o tributo ás descaradas manobras dun oportunista, que un día di xan e outro perillán?

    Disque os optimistas son os pesimistas mal informados. Que máis pode ir mal? Hai un ano, o noso clima político, permanentemente alporizado por un balbordo mediático insufrible, era malo. Agora, está para a UCI (se atopa sitio, claro). Temos un rei ao que lle medraron os ananos, un rei co que se meten os ministros en twitter, un rei esguío, que non semella mala xente e que, malia facer o posible por caer ben, anda acurralado por unha vaga de republicanismo que prendeu recentemente como rego de pólvora. Temos a ominosa sombra dun ditador, que vai para cincuenta anos que palmou, atizando sempre o lume dunha confrontación que máis nos valera soterrar de vez: primeiro foi a monserga do Val dos Caídos, agora a do pazo de marras e, por suposto, máis matraca coa memoria histórica, non para non esquecer senón para seguir poñendo en primeira liña unha guerra que rematou hai oitenta anos. No entanto, e como xa, neste patio de Monipodio, todo é posible, anúnciasenos que o xefe vai indultar (peaxe, claro, da súa presidencia) os indepes cataláns (que constitúen, sen xénero de dúbidas, o fato de tipos máis pelmazos, feos e aburridos que pisa a terra), cando hai uns meses asegurou o cumprimento íntegro das súas penas. Aos poucos, e como suplemento surrealista de tanto dislate, o Supremo inhabilita o paspán de Torra. A guinda de tan rico pastel é o pollo que hai montado en Madrid, unha cidade queridísima, casa común de todos os españois, que non merece o trato duns politicastros que, nin para salvar vidas, se poñen de acordo.

    Na fin dun día calquera, e tras o parte de guerra da telegaita (tantos contaxiados, tantos mortos, gromos e colapsos), a imaxe dunha femia de arroaz termando inutilmente co bico do seu pequecho morto, intentando evitar o inevitable, suxíreme o espellismo dunha sabedoría, estoica e sublime, que España perdeu para sempre.

    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.