Tendencias

O significado dos 93 concellos da Coruña, nun volume da RAG

A publicación divulgativa, dispoñible tamén en liña, realizouna o académico Gonzalo Navaza

  • 21 jul 2021 / 16:04
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

De Abegondo a Zas. O académico correspondente Gonzalo Navaza reúne a orixe e o significado dos nomes dos 93 concello da provincia da Coruña nunha nova publicación da Real Academia Galega xa dispoñible en versión dixital na sección de publicacións de academia.gal.

O volume ofrece un breve e sinxelo comentario histórico e etimolóxico dos nomes dos 93 municipios e fai constar os rexistros documentais máis antigos que se coñecen, nos máis dos casos tomados de textos medievais en latín e en galego.

A orixe e evolución de moitos topónimos da provincia da Coruña é ben coñecida, sexa porque garda relación con palabras do léxico común, porque teñen paralelos ou correspondencia na toponimia doutras áreas, ou porque a documentación histórica aclara as incógnitas.

Pero outros nomes de concellos, explica o autor, teñen unha etimoloxía escura ou dubidosa. Para estes casos, o filólogo resume n’Os nomes dos concellos da provincia da Coruña as hipóteses máis aceptadas entre os especialistas na actualidade, ou as máis verosímiles de acordo cos principios de rigor da gramática histórica e da ciencia onomástica.

Os contidos deste traballo foron debatidos no Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, do que Gonzalo Navaza forma parte, e a súa publicación conta co apoio da Deputación da Coruña.

Entre os topónimos que beben do léxico común, figuran Lousame, derivado de lousa, aquí co valor de “lugar abundante nesa clase de pedra”; ou Oleiros, que contén o plural do substantivo común oleiro, “persoa que traballa o barro”, e que en orixe foi un sobrenome de oficio aplicado aos habitantes do lugar. Na provincia da Coruña, como noutras partes da xeografía galega, abundan os fitotopónimos, os nomes propios que proceden de palabras que designan plantas.

É o caso da Pobra da Caramiñal, que deriva de camariña, planta propia do litoral mariño; Oroso, resultado alternativo de hedroso ou heroso, e que designou en orixe un lugar abundante nesas plantas rubideiras; Ortigueira, que nomearía un lugar onde abundan as ortigas ou estrugas; ou Carballo, termo común de orixe prerromana que sobreviviu en galego e que está presente no nome de máis de catrocentas entidades de poboación en toda Galicia de forma directa ou a través de derivados.

Pero en xeral, a orixe prerromana dun topónimo limita as certezas. Para estes casos, “as máis das veces só dispoñemos de hipóteses máis ou menos fundamentadas”, explica Gonzalo Navaza. Entre os nomes que teñen, ou poderían ter, as súas raíces antes da romanización, figuran os dos concellos de Dumbría, Noia, Narón, Ordes ou Toques.

En canto ao topónimo Coruña, ten suscitado múltiples hipóteses etimolóxicas. “A crenza de que xa existía antes de 1208 na toponimia local, malia que non se rexistra por escrito, levou a consideralo un topónimo de orixe prerromana”, recorda Navaza.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.