Tendencias

Os 60 anos de ‘Memorias dun neno labrego’, de Neira Vilas

Román Rodríguez salienta a capacidade desta obra mestra de seguir transmitindo // Foi colaborador de EL CORREO

  • 08 ene 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou onte no acto de conmemoración do 60º aniversario da publicación de Memorias dun neno labrego, obra mestra de Xosé Neira Vilas da que salientou a súa capacidade de seguir transmitindo, 60 anos despois, “o orgullo pola lingua e a querenza pola literatura desde a infancia, así como por ter espertado a paixón pola lectura a numerosas xeracións de galegos e galegas” converténdose, dixo, “na obra máis lida e traducida da literatura galega, best seller e símbolo universal”.

Durante o acto (que tamén contou co presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo; do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e do presidente da Editorial Galaxia, Antón Vidal) o conselleiro de Cultura salientou a vixencia desta obra que segue presente nas escolas e centros de ensino e entre os centos de lectores que aínda hoxe segue colleitando en todo o mundo.

Neste sentido, referiuse ás súas 35 edicións e aos máis de 700.000 exemplares, así como as traducións a idiomas como o alemán, o sueco, o romanés, ucraíno, búlgaro, o esperanto, o checo, o maia ou o ruso e á súa edición en Braille, o que o converten no libro escrito en galego máis traducido e editado.

Rodríguez puxo en valor o “legado” do autor, como creador dun personaxe “tan identificado con Galicia” e “co que Galicia identifícase”, e que materializou unha obra que definiu como “o best seller da literatura galega.

Herdanza artística. A conmemoración desta efeméride completouse coa presentación do documental Un legado de futuro, un novo contido audiovisual que achega datos relevantes sobre Neira Vilas o seu tempo e a marabillosa súa obra.

Seis décadas despois da súa publicación e un lustro desde o pasamento de Neira Vilas, Memorias dun neno labrego (que saíu do prelo da editorial Follas Novas de Bos Aires en xaneiro de 1961) segue revalidando o seu posto entre as dez obras máis vendidas en 2020 pola Editorial Galaxia.

Para alén disto, numerosas adaptacións e iniciativas sociais, editoriais, teatrais, audiovisuais, musicais e pictóricas configuran e completan o universo Balbino, a herdanza artística do autor de Vila de Cruces máis universal, que foi colaborador de EL CORREO, entre outras andainas.

DOCENTES

··· No acto, Fernando Redondo, presidente da Fundación Neira Vilas, incidiu en que a his-toria de “Balbino”, o “Tom Sawyer” galego, “transcende tempo e lugar” e “segue vixente” na actualidade, mostrando aos mozos de hoxe en día a importancia de “observar”. E o presidente da Editorial Galaxia, Antón Vidal, incidiu en que a obra de Neira Vilas puxo aos galegos “de fronte a esa situación social” que se vivía nas aldeas. Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG), puxo en valor tanto o legado de Neira Vilas como o importante traballo dos docentes na escola.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.