Tendencias

Os barcos históricos de Exploraterra están atracados na Coruña

A carabela portuguesa ‘Veracruz’ e a nao ‘Santa María’ poden visitarse de balde ata o domingo

  • 09 mar 2022 / 18:56
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Os barcos históricos que forman parte do proxecto europeo Exploraterra están xa amarrados no porto da Coruña, onde poden visitarse ata próximo domingo de balde.

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, e o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, participaron na recepción da xira, dentro dunha iniciativa liderada pola Fundación Nao Victoria, financiada con Fondos Feder a través do programa Interreg V e que conta coa participación da Xunta de Galicia, entre outras institucións, co obxectivo de por en valor e promover o coñecemento do patrimonio cultural e histórico asociado ás viaxes de descubrimento.

Neste sentido, Trenor destacou a importancia de preservar, valorizar e promover o patrimonio cultural vencellado á era das grandes expedicións marítimas, nas que Galicia ten un “importante protagonismo histórico e especialmente A Coruña, xa que dos nosos peiraos saíron expedicións como Humboldt ou Balmis”, entre outras.

Turismo de Galicia participa nesta iniciativa cultural destinada a promover diferentes accións, entre as que se inclúe a rehabilitación integral da carabela A Pinta e a elaboración dunha exposición itinerante e un documental baseado na temática deste proxecto.

A xira Exploraterra 2022 estará na Coruña representada polas réplicas da nao Santa María e a carabela portuguesa Veracruz, atracadas no peirao de Trasatlánticos ata este próximo domingo.

O público terá así a oportunidade de visitar de balde ambos os dous navíos.

“Exploraterra inclúe un ambicioso programa cultural” que, dixo Trenor, “permítenos afondar nas grandes exploracións marítimas que cambiaron o curso da historia, e compartir unha herdanza común con algunhas das nosas rexións irmáns”.

Martín Fernández Prado destacou pola súa parte que o “porto da Coruña quere ser un porto aberto a todo mundo e visitar estos buques é unha boa ocasión para acercarse aos nosos peiraos”.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Mar
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.