Tendencias

Os galegos debemos apoiar o Xacobeo para conseguir unha maior acción exterior

O investigador de política europea, Serafín Pazos-Vidal presentou este mércores o seu último libro “Subsidiariedade e Gobernanza Multinivel na UE: Actores, Redes e Axendas”, nun acto organizado polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI)

  • 28 ene 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Serafín Pazos-Vidal actualmente desenvolve o seu labor como responsable de Política Europea na Convención Escocesa de Autoridades Locais (COSLA) e tamén é investigador. Doutorouse en Unión Europea (UNED, UPV), é licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola USC e diplomado en Xestión Financeira Pública (SOAS), contando con 17 anos de experiencia profesional en Bruxelas.

Pazos-Vidal presentou este mércores o seu último libro Subsidiariedade e Gobernanza Multinivel na UE: Actores, Redes e Axendas. Aínda que o libro foi publicado fai un ano, en Galicia por agora non puidera ser presentado. Comenta que quería facer esta presentación na facultade de Ciencias Políticas da USC, onde el empezou a interesarse polos temas europeos, pero dada a situación da pandemia foi imposible, polo que se decantou por facelo mediante as “Charlas O Mundo Desde Aquí” do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) de forma online.

Este libro é resultado da súa tese de doutoramento. Defíneo como “un resumo dos 20 anos de batallas da Unión Europea dende o punto de vista da Gobernanza Multinivel, que é como afecta a Unión Europea aos gobernos subestatais, tanto as Comunidades Autónomas como o mundo local.” A pertenza a Europa e a súa relación coas comunidades autónomas orixinou moitas tensións, España internamente está a anos luz do que existe en Austria ou Alemaña, onde as propias constitucións recoñecen o dereito das rexións a ser consultadas sobre calquera asunto, nacional ou comunitario, que afecte os seus poderes e autonomía fiscal.

En Subsidiariedade e Gobernanza Multinivel na UE: Actores, Redes e Axendas encontramos un resumo académico, onde “a a miña vida e as miñas batallas tamén se reflicten contadas con apuntamentos a pé de páxina e citas académicas, pero como digo sempre, é un percorrido de 20 anos do que un chegou a aprender”. O libro cubre todas as dimensións dende a participación da Unión Europea nas rexións, políticas públicas da UE, o rol dos parlamentos, o Tribunal de Xustiza (TJUE) e tamén o futuro de Europa, cun enfoque que está baseado nos actores, dende o Comité de Rexións ata outras organizacións de interese público pero que non son institucións.

Como salientaba o seu director de tese, Jose Luís Domínguez, o labor que fai Serafín neste libro académico é excelente, a súa tese conseguiu ser premio extraordinario da UNED na súa promoción. Ademais o seu libro, que xa vai pola súa segunda edición, ten tal prestixio que está publicado en Routledge, unha das principais editoriais académicas do mundo.

En canto á importancia de Galicia na UE, Serafín pensa que fallamos na diplomacia pública. “Hai pouco pechouse o Centro Galego en Bruxelas, non se soubo aproveitar o potencial que tiña, era un dos centros culturais e de eventos principais da cidade pero ninguén sabía que era o Centro Galego. Pero o importante non é só ter oficinas senón facer algo útil de cara ao exterior. Para conseguir unha maior acción exterior creo que os galegos tamén debemos de apoiar agora o Xacobeo, porque estamos deixándoo de lado como se fose unha cuestión da Xunta de Galicia ou dos relixiosos pero o que é realmente é unha oportunidade de promoción única de Galicia que hai que saber aproveitar. Tal vez o galegos temos unha cultura menos colaborativa que outras, somos máis individualistas, porque somos unha sociedade máis heteroxénea do que parece.”

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.