Tendencias

Os Minimortos, unha nova serie de cuadrillas que viven no Outro Barrio

  • 07 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A escritora Ledicia Costas tenos acostumados a ofrecer divertidas aventuras localizadas no Alén ou Inframundo, agora denominado Outro Barrio, de feito que consegue romper co tabú sobre a morte, ao presentar á infancia a vida tras a morte como emocionante e chea de peripecias divertidas, na que non hai normas nin límites para o xogo, a diversión e a imaxinación, creando empatía no lectorado infantil e rompendo co medo que xera este tema. Logo de ter presentado ese mundo de forma naturalizada coa premiada Escarlatina, a cociñeira defunta, o pasado ano iniciou en Edicións Xerais de Galicia a serie literaria Os Minimortos dirixida á infancia, protagonizada por unha panda de cinco nenos mortos en distintas circunstancias, que lles darán nome aos simpáticos protagonistas: Petunio, Pochiña, Maya, Penoso e Dinamito.

No primeiro volume titulado Benvido ao Outro Barrio (setembro 2020, xa pola 2ª edición), baixo a voz narradora de Curuxa, ave que voa do mundo dos vivos ao dos mortos e que se encarga de espiar aos simpáticos protagonistas, o lectorado coñece a tenra benvida e peculiar axuda que recibe o neno Catacrack, morto nun accidente de coche, que non quere estar nese mundo. Malia que lle explican que a vida alí é feliz, divertida e poden facer o que lles pete, sen obrigas nin quefaceres, o neno non se acostuma a estar sen os seus pais.

Na segunda entrega, Criando Malvas (xaneiro 2021), a Curuxa, logo de presentarse, relata unha nova aventura da cuadrilla dos Minimortos na que prima o valor da ciencia e a alimentación saudable. Nesta ocasión, Petunio, preocupado polas flores que habitan na súa cabeza, pide axuda a Dinamito. Mais un erro de cálculo, fai que medre unha planta carnívora xigante que devora a Verdura, a mascota de Petunio. Os Minimortos, demostrando a súa amizade e solidariedade, conseguirán argallar un plan de rescate moi enxeñoso que dará os resultados esperados.

As retranqueiras e irónicas historias dos Minimortos acompáñanse, a través dun diálogo constante, coas fermosas ilustracións de Mar Villar (Alacant, 1984) que mostran personaxes e escenas narradas xa desde a cuberta, incluso con acenos á pandemia, ademais duns paratextos que presentan os protagonistas e que publicitan na contracuberta a seguinte entrega.

Agardamos a seguinte aventura desta peculiar panda co título Escola de Salvaxes, historias nas que se celebra a vida, a amizade, a ledicia, a cooperación e a empatía, fuxindo da arquetípica visión do inframundo como tétrico e violento.

m.fboo@udc.es

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.