Tendencias

Pen Galicia propón a Méndez Ferrín para o Nobel de Literatura

Luís González Tosar considera moi xustificable seguir apostando por este candidato, dado o prestixio da súa extensa obra en lingua galega

  • 18 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Centro Pen Galicia propoñerá, no próximo mes de marzo, ao escritor Xosé Luís Méndez Ferrín para o premio Nobel de Literatura.

Esta é unha aposta que esta organización vén realizando desde fai dez anos e que Luís González Tosar, presidente do Pen Galicia, xustifica xa que “Méndez Ferrín ten prestixio, mesmo no exterior, obra consolidada, de excelencia, e forma parte dos autores clásicos das letras galegas, xa que está por encima das veleidades da literatura”.

Luís González Tosar resalta tamén do escritor nomeado que “a súa narrativa, a súa poesía, o seu ensaio, a súa capacidade de manter presenza na prensa diaria como articulista, a súa defensa da liberdade de expresión e a reivindicación da identidade propia de Galicia, fan de Ferrín un candidato idóneo para este premio tan prestixioso”

Para González Tosar é moi importante presentar a un candidato galego, “porque é unha forma de facer visible a creación que se fai en idioma galego, de estar na óptica da literatura universal, que a obra dunha lingua minoritaria poida chegar a ser coñecida en todo o mundo”.

Tamén lembra Tosar a relación de Méndez Ferrín co Pen Club Internacional, posto que o Comité de Escritores Presos e Represariados, desta organización, defendeuno en 1969 cando foi condenado a dous anos de prisión polo seu libro Os corvos, a figueira e a fouce de ouro.

O Pen Galicia desenvolve un importante labor en favor da literatura en galego, e lévaa a cabo a través de diferentes comités como o dos dereitos lingüísticos e de tradución, o de mulleres escritoras ou o de autores presos e represariados.

O pasado ano cumpriuse o centenario do Pen Internacional, unha data que non se puido celebrar debido á pandemia do COVID-19. Isto supón que se redobre a actividade en 2021 e, se a pandemia permíteo, celebrarase un importante congreso en Londres, cidade na que naceu hai 100 anos.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.