Tendencias

Pensar non doe

    • 23 abr 2022 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    Unha vez, na parede de certa facultade (non direi cal por non establecer inferencias insidiosas) vin unha pintada sublime: Pensar non doe! Tras anos editando textos universitarios, interactuando con centos de autores das máis variadas pelaxes académicas (pois pouca actividade tan transversal haberá nunha universidade como a editorial) e impartindo docencia especializada, formei un parecer que hoxe quero compartir co benevolente lector: falar e escribir ben, e por ben entendo con estilo, soltura, graza, corrección e (ai, que difícil!) amenidade, son normalmente manifestacións dunha única magnitude: pensar ben, pensar con fundamento, pensar, en fin, con calidade, algo que reclamaba o anónimo e chusco grafiteiro referido. Ora, como para toda regra hai unha excepción, hai docentes de retórica brillante e impecable que, logo, son uns tostóns escribindo ou, pola contra, magníficos escritores académicos que, oralmente, non rematan unha frase a dereitas. Pero, como digo, estes casos son a excepción: unha escrita correcta e estética e unha retórica fluída e atractiva son hijuelas dun pensamento solidamente armado. E neste respecto, amigas e amigos, levamos facendo augas estrepitosamente e o que vén non agoira ningunha melloría. As causas? Home, tampouco creo que haxa que ser un Nobel para cifralas: a omnipotencia de Internet e as redes sociais modularon unha nova interface de comunicación baseada na evanescencia, na inmediatez e, en definitiva, na máis desastrosa e impúdica falta de esforzo. Ler Merlín e familia como exercicio escolar? Vaites, ho! Busco en Google «Merlín e familia resumo» e arreando.

    Xestionar a política dun país, e aínda do mundo, a golpe dun permanente combate de chíos en Twitter ou organizar os nosos amigos en grupos de guasap para intercambiar chorradas segundo o carácter do grupo son inequívocos síntomas de que cada vez somos máis parvos: para alén de evidentes bondades, Twitter ou Facebook son ecosistemas de, de seu, estimulan a proliferación de badulaques, falabaratos e badanas.

    Hoxe, día de San Xurxo, mártir, santo e matador de dragóns, en que exaltamos o libro, quero facer unha sentida homenaxe a tan indefenso obxecto, comentando, apenas de pasada, unha obra publicada precisamente polos prezados colegas da editorial universitaria de Granada. Tradución directa do inglés (The Slow Professor. Desafiando la cultura de la rapidez en la academia, de Maggie Berg e Barbara K. Seeber, Editorial Universidad de Granada, 2022), este «profesor tranquilo» é un manifesto que convoca a repensar as bases e prácticas da docencia universitaria nos tempos das présas, as urxencias, a acumulación de compromisos, a tiranía dos impactos e dos índices de citas e a ditadura das avaliacións da calidade e das acreditacións. Do meu punto de vista, recuperarmos a práctica do pensamento sereno e reflexivo na universidade é, xa non perentorio, senón decisivo para non rematar de arruinar intelectualmente unha xeración para a que a lectura, a lectura de libros, a de verdade, esa que veu nutrindo a cultura da humanidade a súa transmisión durante séculos, é unha actividade, fronte ao tsunami dixital, por completo desprovista de atractivo.

    E falando de libros e acreditacións, hoxe probablemente Deus non podería acreditarse como catedrático, pois, a fin de contas, só ten un libro publicado. Aí lle doe.

    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.