‘Queremos audiovisual en galego’, presentada na Real Academia Galega
É unha nova iniciativa que amosa a Mesa pola Normalización Lingüística
Santiago. O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e mais a secretaria xeral da entidade de defensa da lingua, Celia Armas, presentáronlles este luns ao presidente e ao vicesecretario da Real Academia Galega a Iniciativa Queremos audiovisual en galego, que conta co apoio unánime das forzas políticas galegas para que a nova lei xeral de comunicación audiovisual que ultima o goberno estatal inclúa o galego nas medidas de protección da dobraxe, da lexendaxe, das audiodescricións e do financiamento anticipado establecidas para o español.
Maceira recordou que a Lei do Audiovisual que se debaterá en próximas datas no Estado é unha transposición dunha directiva europea que busca garantir a difusión e creación nas linguas europeas. “Sen audiovisual non hai futuro para ningunha lingua nin cultura”, abondou, “e por iso a lei fixará unha cota mínima de dobraxe, lexendaxe, audidescricións e financiamento de producións no Estado por parte das plataformas de emisión audiovisuais (5% de ingresos)”, sinalou o portavoz da Mesa. ECG