Tendencias

Recae o Premio Laxeiro no músico Rodrigo Romaní

  • 24 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O premio Laxeiro 2021 foi fallado o pasado 18 de febreiro, na reunión extraordinaria do Padroado da Fundación Laxeiro, na que acordou, por unanimidade, outorgar o galardón a Rodrigo Romaní.

O xurado recoñece entre os méritos deste artista a súa vida dedicada á renovación da música tradicional galega, como membro fundador do mítico grupo Milladoiro, e tamén como un dos introdutores da arpa céltica en Galicia, ademais de impulsor de proxectos como a Orquestra SonDeSeu, e do seu labor como docente no Conservatorio de Música tradicional da Escola de Artes e Oficios de Vigo, segundo consta na acta da devandita reunión.

O galardón que normalmente era entregado polo presidente da Fundación Laxeiro, Abel Caballero, na tradicional comida que todos os anos se celebra ao redor do 23 de febreiro, data do nacemento de Laxeiro, este ano, debido á situación sanitaria, o presidente fará entrega do premio na sede da Fundación Laxeiro, en data aínda sen fixar.

Rodrigo Romaní naceu en Noia, en 1957, e comezou a súa traxectoria profesional na segunda metade da década dos anos setenta, no contexto do movemento popular da Canción Galega.

Formou parella artística co músico Antón Seoane. Na súa compaña e co grupo de música tradicional Faíscas do Xiabre fundou Milladoiro en 1979. Con Milladoiro acadou diversos premios internacionais, percorreu a escena folk mundial, e rexistrou doce discos. En 2001 deixou o grupo para dedicarse a outras actividades artísticas e educativas.

Creou para o Concello de Vigo o Departamento de Música Tradicional da Universidade Popular en 1996, primeiro centro educativo en España que relacionaba entre si os instrumentos da tradición oral e as recentes recreacións urbanas do folk. Refundado como Escola Municipal de Música Folk e Tradicional, ETRAD, en 2008, actualmente recibe a 400 alumnos anualmente en todos os niveis educativos.

Arpista autodidacta no folk, emprendeu estudos de arpa clásica con Susana Cermeño. Creou a primeira aula de arpa céltica da Península en 1996. En 2013, a causa dun accidente que lle ocasionou a perda dunha falanxe da man dereita, tivo que deixar a docencia para deseñar unha técnica persoal de interpretación da arpa.

En 2007 formou o Trío Lizgairo con Anxo pintos e Xosé Liz. A principios do século creou, na compaña de outros mestres da actual ETRAD, a primeira Orquestra Folk de España, SonDeSeu, coa que liderou o proxecto europeo ENFO en 2008.

Ten numerosos premios e distincións, colectiva e individualmente, como o Goya á mellor Banda Sonora, Pedrón de Ouro, María Casares, Vieira de Prata ou o Premio Nacional de Folklore 2017.

Foi o produtor discográfico dos primeiros traballos de Susana Seivane e Treixadura. Como solista de arpa colaborou con artistas como Carlos Nuñez, Liam O’Flynn, Bill Whelan, Paul Winter, English Chamber, RTE Orchestra, Orquesta Reina Sofía, Sinfónica de Galicia ou Real Filharmonía de Galicia. En 2014 creou o Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, Noia Harp Fest, do que é actualmente director artístico.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.