Tendencias

Sánchez Izquierdo salienta a fortaleza dos medios públicos

O director xeral de CRTVG anuncia un superávit de 1.851.659 euros// Presentou onte as contas do ente no Parlamento

  • 09 jul 2021 / 15:35
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Nun ano marcado polo impacto da crise sanitaria, o 2020, a CRTVG obtivo un resultado orzamentario en posición de superávit por un importe de 1.851.659 euros. Así o salientou o seu director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, na Comisión de Control da CRTVG no Parlamento de Galicia, ante a que presentou as contas correspondentes ao ano pasado: “A Corporación de Radio e Televisión de Galicia prestou no 2020 máis e mellores servizos á cidadanía de Galicia a un menor custo”, expuxo.

O balance do 2020 pon de manifesto a execución dunha xestión económica comprometida co servizo público e cun profundo sentido empresarial. Así, a Corporación reduciu en 36,7 millóns de euros a acumulación histórica de déficits de tesourería negativos non orzamentados anteriores ao ano 2009.

A CRTVG non ten débeda bancaria e afronta o futuro con estabilidade en todos os eidos da xestión. Sánchez Izquierdo salientou que estas contas anuais combinan “un resultado orzamentario en posición de superávit de 1.851.659 euros, cunha xestión empresarial que mantén o pulso de competitividade”.

Ao respecto do cadro de persoal, o director xeral explicou que “no 2020 mantívose unha coherencia dos custos de explotación, o que abriu un escenario de oportunidade para a estabilización completa do conxunto das prazas ocupadas por traballadores/as indefinidos e interinos”.

Deste xeito, a xestión corporativa reduce así de forma drástica a temporalidade e aposta por un emprego de calidade e axeitadamente retribuído, cunha media estable de 932 traballadores e 50,5 millóns de euros de gasto nesta partida nos últimos tres anos.

Nunha análise comparativa destes últimos tres anos, compróbase que no 2018 a media de persoal foi de 943 traballadores, cun gasto de 48,8 millóns de euros; no 2019, de 943 traballadores e 50,9 millóns; e no exercicio 2020, de 912 traballadores, cun gasto de 50,4 millóns. E tamén, pode comprobarse o incremento orzamentario: no 2018: 106,9 millóns; no 2019: 109,1 millóns; e no 2020: 111,2 millóns).

Sánchez Izquierdo sinalou que no eido da inversión no sector audiovisual galego, para o que a CRTVG implementou un paquete de medidas de apoio excepcionais no ano da pandemia, a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) certifica ano tras ano que a CRTVG é o operador que máis inviste no seu sector audiovisual competencial.

E, en liñas no futuro, o director xeral explicou que “unha vez completado o proceso de produción dixital cun investimento total duns 15 millóns de euros enfocados á dixitalización dos sistemas, unha inxente migración de datos, e á formación do persoal, a CRTVG segue a traballar no eido da innovación co desenvolvemento de proxectos como o novo CMS e a plataforma OTT”. De feito, a Corporación recibiu esta semana o Premio Enxeño 2021 outorgado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións de Galicia pola súa aposta pola innovación.

Así mesmo, esta semana coñecíase o Estudo Xeral de Medios que confirmou a fidelidade da audiencia dos medios públicos, unha audiencia transversal e que abarca todo o espectro social. A TVG rematou a tempada 2020-2021 cos mellores datos de audiencia dos últimos tres anos. A Galega é líder absoluta da información en Galicia. Medran todos os informativos e a franxa do mediodía colócase no 21,8 % de cota.

A media da TVG nesta tempada creceu ata o 10,4 % no conxunto do día e o 10,7 % no prime time. A Galega é líder en difusión cultural, con 1.672 emisións, e programación musical, só por detrás dunha canle especializada.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.