Tendencias

Tradición e innovación xuntos a prol da Artesanía de Galicia

Núñez Feijóo entregou os premios deste ano// A cesteira Idoia Cuesta alzouse co máximo galardón, e Julia de la Cal, coa beca

  • 13 dic 2021 / 19:07
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou onte a artesanía galega como o mellor escaparte da marca Galicia calidade no que a tradición e a innovación van da man. “Estamos a falar do equilibrio entre tradición e innovación; entre a evolución, a modernización e a comercialización”, dixo, subliñando que, na actualidade, o sector está formado por case 3.300 profesionais que traballan en 749 obradoiros e cuxas actividades dan emprego a máis de 7.800 persoas.

O taller Idoia Cuesta Cestería Contemporánea, de Outeiro de Rei (Lugo), foi galardoado coa máxima categoría do Premio Artesanía de Galicia 2021. Este deseño impúxose aos outros dous finalistas, os talleres Santiago Besteiro Design, de Monterroso (Lugo), e Jafarta, de Santiago, nunha gala celebrada onte no Hotel Monumento San Francisco da capital galega.

Durante a entrega dos premio, Feijóo recordou que o número de obradoiros abertos aumentou nesta última década un 65 % e o número de artesáns un 18 %. “E desde a chegada ao goberno investimos preto de 22 millóns de euros destinados á modernización, á mellora da comercialización e a formación de aprendices no sector”, precisou, subliñando que Galicia foi a primeira comunidade cunha marca propia neste eido -Artesanía de Galicia-, presente en países de todo o mundo como Xapón, Reino Unido, Australia, Suecia ou Italia.

Logo de reiterar o compromiso da Xunta con esta industria, incidindo na necesidade de promocionar as manufacturas galegas, á vez que se fomentan novas vocacións e se mellora a formación dos profesionais, o titular do Executivo galego trasladou os parabéns aos premiados e finalistas pola súa contribución ao patrimonio cultural galego. Así, gabou os deseños contemporáneos da cesteira Idoia Cuesta e a traxectoria de Julia de la Cal, galardoada co Premio Bolsa Eloy Gesto, que lle permitirá viaxar a Francia para formarse en obradoiros especializados na cestería e coñecer as granxas de produción de vimbio.

No tocante a Álvaro Seivane, premio honorífico, Feijóo afirmou que representa a veteranía, cun oficio que herdou do seu pai, Xosé Manuel Seivane, que en 1939 construíu a súa primeira gaita; “unha primeira peza que foi o xerme do actual Obradoiro de Gaitas Seivane en Cambre, todo un referente internacional na elaboración deste instrumento, onde tamén aporta a súa mestría o seu irmán Xosé Manuel e onde contan xa coa nova xeración que segue os seus pasos na artesanía e, por suposto, na interpretación”, lembrou.

Galardoados. O Premio Artesanía de Galicia, que é a máxima categoría destes galardóns e está dotado con 9.000 euros, recaeu no obradoiro Idoia Cuesta. Cestería Contemporánea (Outeiro de Rei) pola súa peza Abisal, un cesto elaborado con tanza de pesca, un material plástico e translúcido empregado habitualmente para a pesca artesanal, que conforma a peza central dunha colección de cestos máis ampla e baseada na zooloxía mariña.

Os obradoiros Santiago Besteiro Designe Jatafarta resultaron finalistas neste apartado dos premios. O xurado destacou que Abisal é unha “peza contemporánea cunha manufactura tradicional e unha manisfestación contuntende do oficio”.

Idoia Cuesta é unha referencia na actualización das técnicas da cestería e a súa aplicación a diferentes materiais coma o téxtil ou a tanza de pesca, como no caso de Abisal. Gañadora do Premio Produto nos Premios Nacionais de Artesanía no ano 2014 e do Premio de Artesanía Contemporánea 2021 outorgado pola asociación Sacco.

Por outra banda, a Julia de la Cal, do obradoiro de cestería La Parabólica (O Porriño), correspondeulle a Bolsa Eloy Gesto, dotada con 4.000 euros que investirá na continuación da súa formación en Francia, coa asociación L’Oserai du Possible, un referente no oficio do traballo con vimbio e coas plantas de teceduría.

luthier
Honores para outro Seivane

··· O Premio Traxectoria, de carácter honorífico, foi para o luthier Álvaro Seivane Magide, titular do Obradoiro de Gaitas Seivane, pola súa destacada traxectoria profesional e investigadora na gaita galega, a proposta da Asociación Galega de Artesáns.

··· Álvaro Seivane é o continuador dunha herdanza familiar que ten as súas orixes no século pasado, desde que en 1939 co patriarca Xosé Manuel Seivane Rivas.

··· Con Álvaro como mentor, o obradoiro desenvolveu investigacións sobre cuestións de ton, de timbre, de afinación e de sonoridade, incorporou novos materiais sintéticos, punteiros de afinación regulable e anelas metálicas inoxidables, recuperou o fol tradicional de cabrito e chegou a implantar o de fibras transpirables. No 2013, o Obradoiro recibiu o Premio Nacional de Artesanía e no 2014 a Medalla Castelao.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.