Tendencias

Tres mulleres de Ourense, Lugo e Tui gañan o IV Concurso de Microrrelatos convocado pola RAG e PuntoGal

Paloma de Toro González faise con primeiro premio, Luca Chao Pérez gaña o segundo e María Cabaleiro Alfaya o terceiro entre os case 800 textos presentados na categoría para persoas maiores de idade

  • 30 abr 2021 / 11:02
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A CORUÑA. Unha historia de 128 palabras escrita por Paloma de Toro González (Ourense, 1985) é a gañadora do primeiro premio na categoría de adultos do IV Concurso de Microrrelatos da Real Academia Galega (RAG) e PuntoGal entre os case 800 textos de ata 200 palabras presentados. O segundo premio recaeu nun conto de Luca Chao Pérez (Lugo, 1988) e o terceiro, nun relato de María Cabaleiro Alfaya (Tui, 1993).

O xurado de adultos, composto polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o presidente e o director xeral de PuntoGal, Manuel González González e Darío Janeiro; a académica Chus Pato e a xornalista Alba Tomé, decidiu conceder o primeiro galardón á historia titulada Non te gastes. A autora é a ourensá Paloma de Toro, profesora de inglés de profesión. Luca Chao Pérez, investigadora en ciencias sociais e profesora en prácticas de Historia, fíxose co segundo premio con Aves de paso, un relato de 113 palabras; e María Cabaleiro Alfaya, bióloga residente en Salceda de Caselas e investigadora predoutoral no campo da micoloxía, gañou o terceiro premio cunha historia de 198 palabras titulada Sara.

O xurado declarou ademais finalistas Insomnio, un relato de só 30 palabras asinado por Marta Isabel Villar Rodríguez (Malpica, 1973), xornalista de profesión; e Euloxio, de 200 palabras, co que concorreu Iria Ramos Mesía (Valdoviño, 2000), estudante de Xornalismo.

As persoas premiadas recibirán diferentes premios tecnolóxicos, libros e, no caso dos primeiros e segundos premios das categorías de adultos e xuvenil, un dominio .gal gratuíto durante un ano. A Real Academia e PuntoGal publicarán os textos seleccionados nas súas páxinas web e en relatos.gal, a web do concurso, onde se ofrece toda a información sobre a convocatoria. Luzes tamén os reproducirá e agasallará as gañadoras na modalidade de adultos cun lote de publicacións da revista, onde tamén se publicarán os relatos finalistas non premiados. ECG

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.