Tendencias

Un documental recolle a vida e traxectoria de Adolfo Domínguez

A estrea terá lugar no outono de 2023, no marco do Festival Internacional de Cine de Ourense

  • 27 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Deputación de Ourense patrocinará un documental sobre a vida e traxectoria de Adolfo Domínguez. O proxecto audiovisual, en proceso de preprodución, está impulsado pola Fundación Adolfo Domínguez e será estreado no XXVIII Festival Internacional de Cine de Ourense, no outono de 2023. O presidente da Deputación, Manuel Baltar, e Adriana Domínguez, presidenta executiva de Adolfo Domínguez e presidenta da Fundación Adolfo Domínguez, pecharon os detalles do acordo nunha reunión celebrada no Pazo Provincial.

Baltar recalca a importancia do apoio da Deputación a “un documental para reivindicar a traxectoria e a figura dun verdadeiro ourensán universal” e celebra a pertinencia dun proxecto apoiado na visión do protagonista, “con toda a súa potencia e o seu compromiso con esta terra, demostrado día tras día durante toda a súa traxectoria vital e profesional”.

O presidente do goberno provincial enmarca este patrocinio “dentro da nosa política de apoio a rodaxes en Ourense e promoción do sector audiovisual”, que seguirá avanzando en 2023 despois dun “2022 completamente histórico, no que chegaron a coincidir seis rodaxes simultáneos no noso territorio, impulsamos a Ourense Film Commission e celebramos a mellor, e a máis ourensá, edición do Festival Internacional de Cine de Ourense”.

Ademais, define este acordo como “unha gran nova para promocionar Ourense e falar dun dos nosos xigantes, cando se cumpren 40 anos do seu gran lema, ‘La arruga es bella”.

Pola súa banda, Adriana Domínguez resalta que “estamos moi contentos co apoio da Deputación, pois tiñamos moito interese en que o documental tivese sinais moi claros da vinculación á orixe do meu pai en Ourense”.

A presidenta executiva de Adolfo Domínguez e presidenta da Fundación Adolfo Domínguez valora este proxecto como “unha oportunidade para contar esta historia, relatar un dos moitos esforzos dun dos tantos ourensáns que emigraron, fixeron as Américas, e levaron empresas de aquí ao mundo”. E encadra esta produción na celebración do 40 aniversario do lema ‘a arruga es bella: “Creo que merece moito a pena que nos ‘contemos’ ao exterior e que se coñeza máis Ourense e o espírito desta terra, que sen dúbida é parte fundamental do espírito de meu pai. Faime moita ilusión que esta historia vaia a ver a luz”.

Tema marcado como favorito