Tendencias

Unha obra que ficcionaliza temas como a diferenza ou a diversidade

  • 22 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Emma Lidia Squillari (Italia, 1991) é a autora do texto e da ilustración do libro-álbum No Ovo, unha das recentes obras publicadas por Kalandraka Editora, traducida ao galego por Xosé Ballesteros.

Dominada pola presenza de animais ovíparos (aves, mamíferos e réptiles), contén unha historia relatada en primeira persoa, colocada na voz dun pitón, feito que só se pode percibir unha vez avanzada a historia verbo-icónica.

Esta divertida narración ten como punto de partida o nacemento de doce crías, de distintas especies (un pato, unha tartaruga, un pingüín, un crocodilo ...), presentadas inicialmente dentro dos seus ovos, todas de diferente aspecto, tamaño e cor. Neste grupo especial que, en realidade, lembra a outro grupo, imaxinado por dúas recoñecidas creadoras portuguesas, Luísa Ducla Soares (Lisboa, 1939) e Manuela Bacelar (Coimbra, 1943), escritora e ilustradora, respectivamente, da obra Os Corações Misteriosos (1994), destaca unha cobra que ten un “grande e enorme apetito!”. O resultado desa apetencia compréndese facilmente e compróbase na última dobre páxina da obra, un espazo ocupado enteiramente pola palabra “apetito!” e pola representación visual, en grandes dimensións, do protagonista-narrador. Hai, non obstante, un detalle que subverte este final e que só se revela nas gardas finais. É esta unha estratexia que dota o traballo dunha memorable nota humorística.

Fundamental, para a comprensión do sentido global da obra, é a observación atenta, sen présas, da extensa composición visual, composta en acuarela e lapis de cores, un discurso visiblemente rico en detalles que, de feito, amplía e concreta o rexistro verbal, bastante sinxelo, contido ou económico e, por iso, ás veces intencionalmente hermético, espertando así a curiosidade. Con acerto, a composición verbal aparece, desde o principio, algo “misteriosa” e para desvelar o seu significado requírese unha lectura visual progresiva das secuencias pictóricas, xa que é nestas onde se revelan as aventuras e o progreso da acción.

Polo dito, podemos afirmar que No Ovo é unha obra moi estimulante, capaz de conquistar lectores. Con espírito e graza, articulando sinerxicamente palabras e ilustracións, ficcionaliza temas como a diferenza ou a diversidade, o inevitable do instinto, as leis da natureza ou a transgresión e, con especial expresividade, permite, ademais, abordar ludicamente tópicos como, por exemplo, os ovíparos ou a biodiversidade.

sara_silva@ie.uminho.pt

Tema marcado como favorito