Tendencias

Unha vintena de novos espazos de entretenemento no verán da TVG

‘Atrápame se podes’, a gran aposta da canle autonómica as noites dos domingos aos xoves

  • 26 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Arredor dunha vintena de novos espazos transformarán desde mañá a grella da Televisión de Galicia. Neste verán, a programación da Galega buscará converterse unha vez máis nunha fábrica de soños, onde os espectadores bailen, rían, coñezan o amor e vaian á praia, cun amplo abano de propostas dirixidas a toda a familia.

A forte aposta polo entretemento comeza este domingo coa estrea pola noite de Atrápame se podes, o concurso favorito das televisións autonómicas, que dará paso os contidos do prime time da Galega de domingo a xoves. Cun formato baseado en preguntas e respostas, estará presentado, con moito humor, por Paco Lodeiro.

Oito capítulos de ‘Irmáns’. E a continuación e de xeito especial, na TVG asistirase ao lanzamento dos tres primeiros capítulos de Irmáns. Con esta ficción de éxito internacional, que desenvolve a historia emocionante de catro persoas nadas o mesmo día en 50 capítulos, chega á Galega o fenómeno mundial das series turcas. Tras a súa estrea, os espectadores poderán ver esta nova serie dobrada ao galego nas tardes de luns a venres.

Outro dos contidos destacados deste verán virá da man de Tres Camiños. A canle autonómica converte a maxia, as historias emocionantes e as numerosas experiencias que desprende o Camiño de Santiago nesta serie internacional, coproducida tamén coa RTP e Amazon, entre outras.

Á oferta das tardes súmanse tamén dous novos magazines: Sabadeando, un programa de variedades, en directo, con Lucía Rodríguez e Adrián Díaz á fronte, que acompañará os espectadores con actualidade, música, diversión e proximidade, e, de luns a venres, Quen anda aí? verán ofrecerá a súa versión máis fresca e desenfadada.

‘Prime time’. A música será un dos ingredientes principais no prime time a través das novas temporadas de espazos como A liga dos cantantes extraordinarios, con artistas procedentes das mellores orquestras galegas; 100 anos de verbena ofrecerá espectáculos ideados para a TVG desde distintos puntos de Galicia, e Eventos G, baseado nas músicas populares e tradicionais. Os domingos á mañá gozarase co regreso de Ben compasado, dedicado nesta etapa a ofrecer actuacións das bandas populares galegas.

A estrea de Zona humor traerá divertidos sketchs ao serán da TVG os sábados e domingos. O humor tamén é protagonista das novas entregas da edición de verán de Grandes cachadas, espazo que recolle os fragmentos máis singulares da programación da Televisión de Galicia.

Tamén volve con novas historias de amor Casamos!, o mellor recordo para as parellas de noivos do seu día máis ilusionante, e o espazo Aquí hai praia, para amosar o mellor ambiente dos areais galegos. O programa de entretemento Imos de feira recuperará o gusto por coñecer os mercados galegos na rúa e as súas xentes.

Eventos especiais. Pola súa banda, programas consolidados na Televisión de Galicia como Bamboleo seguirán achegando os sábados o mellor entretemento e diversión, do mesmo xeito que os tradicionais Eventos especiais, que se ofrecen cada verán galego, como a celebración dos Fogos do Apóstolo, a Ofrenda do Apóstolo ou a gala do Día de Galicia.

actuacións de Pastora soler e pili pampín

··· ‘Bamboleo’ chega esta noite cun novo espectáculo de divertimento familiar. Como cada sábado, Xosé Manuel Piñeiro conducirá esta nova edición do programa, que contará con dúas convidadas de excepción: Pili Pampín e Pastora Soler. Ademais, estará no espazo da TVG a orquestra La Ocaband, que presenta novidades moi interesantes para esta tempada.

··· Pili Pampín acode ao ‘Bamboleo’ cun novo tema: ‘Gozaremos do verán’, unha canción bailable e divertida cunha mensaxe de esperanza moi apropiada para a época que estamos vivindo.

··· Pola súa parte, Pastora Soler, unha das voces máis potentes da música española da última década, presentará no programa da TVG o seu último traballo, titulado ‘Sentir’. Esta noite, a sevillana interpretará algúns dos temas incluídos neste disco e outros inesquecibles como ‘La tormenta’.

Entrevista exclusiva ao presidente de Panamá hoxe en ‘Facendo as Américas’
Laurentino Cortizo Cohen, ‘Nito’, é o segundo mandatario con raíces galegas

Santiago. O presidente de Panamá, Laurentino Cortizo Cohen, protagoniza hoxe unha nova entrega do programa Facendo as Américas nunha entrevista en exclusiva para Televisión de Galicia. Trátase do segundo presidente con raíces galegas do país.

Laurentino Cortizo, Nito para case todo o mundo, é fillo dun deses galegos que un día emigraron conseguindo, el e os seus descendentes, os máis altos graos de representatividade do seu país de acollida. Laurentino, empresario e político panameño e actual presidente de Panamá desde 2019, recibiu en exclusiva ao equipo de Facendo as Américas no Palacio Presidencial das Garzas.

Durante o programa, conducido pola actriz Estíbaliz Veiga, coñeceremos en primeira persoa a traxectoria persoal e profesional do actual presidente de Panamá, fillo e neto de emigrantes galegos que arriscaron todo saíndo de Beariz (Ourense) para buscar o éxito en Panamá.

Facendo as Américas é unha nova aposta de Televisión de Galicia (TVG) para dar a coñecer a personaxes galegos ou con raíces galegas que un día decidiron emprender unha nova vida e probar sorte emigrando a Latinoamérica.

A intención é entreter divulgando a nosa historia e a dos nosos compatriotas, os galegos que se foron, ou os seus descendentes máis aló do Atlántico pero que nunca esqueceron a súa orixe. ecg

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.