Tendencias

‘Veciñ@s’, a nova aposta da TVG para o prime time dos domingos

Cada semana reflectirá aspectos variados da convivencia que se desenvolve no ámbito de singulares comunidades

  • 15 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Novidades no prime time dos domingos da Televisión de Galicia, que hoxe estrea Veciñ@s, un programa de entretemento onde están presentes o humor e os sentimentos. Cada semana, durante unha hora aproximadamente, reflectirá aspectos variados da convivencia que se desenvolve no ámbito de singulares comunidades de veciños.

Este domingo, Veciñ@s visitará o barrio da Catorce, no Grove, e irá ata á Piringalla de Lugo. Na vila da centola, os espectadores coñecerán xubiladas que dan clases de inglés e sevillanos aos que lles agasallan marisco pola rúa. E na Piringalla comprobarán que o mellor xeito de pintar o piso ou aprender ioga é sempre na compañía da veciñanza.

‘INCOMBUSTIBLES’. Na edición deste domingo de Incombustibles, falarase da identidade das persoas maiores. Pérdese a identidade coa xubilación? Déixase de ser a persoa que un cre que é? Con que se identifican as persoas de vellas? Que define a identidade logo dos 65 anos? O espazo conducido por Teté Delgado, Luísa Veira e Manolo Botana, busca hoxe respostas a cuestións coma estas.

O programa da Televisión de Galicia que busca alentar os maiores a desenvolver os seus proxectos vitais, máis alá da xubilación e desde unha óptica interxenaracional e inclusiva, contará, coma sempre, coa banda residente Deteriorados e cos seus reporteiros espallados por diferentes puntos de Galicia.

‘VIVIR AQUÍ’. Logo das festas de Nadal, moi propicias para a solidariedade, os bos propósitos continúan. Especialmente nas organizacións de axuda humanitaria. En xaneiro, o famoso mes da costa, as dificultades da vida fanse moi presentes para algunhas familias. É algo que se visibiliza na Cociña Económica da Coruña, a máis antiga de España.

O programa Vivir Aquí visita este domingo a entidade para pasar unha xornada con responsables e traballadores. Da Cociña Económica da Coruña depende a vida diaria de milleiros de persoas e moitos voluntarios pasan nela boa parte do seu tempo libre axudando os demais.

Outra persoa co tempo de lecer moi ocupado é José Vázquez. Leva 25 anos coleccionando teléfonos, un dos aparellos nos que máis se pode apreciar a evolución da tecnoloxía. O programa da Televisión de Galicia visitará hoxe o Museo Didáctico das Telecomunicacións, tamén na cidade da Coruña, e mais a casa de José, en Sada, para lembrar os dispositivos cos que, ata hai ben pouco, se levaban a cabo as comunicacións. Ademais, os espectadores poderán ver un pequeno experimento: recoñece a rapazada os aparatos antigos e como usalos?

Tema marcado como favorito