Tendencias

Venir al sur

    • 14 ago 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    Como xa non sei onde teño a cabeza, cada vez ocórreme máis adoito ignorar se teño xa contado algunha batallita, o cal é especialmente grave para un columnista, que se ve enfrontado ao dilema de non saber se se repite como a cebola e ao risco de descubrírenlle os seus lectores o calote: A este Blanco váiselle a pinza, isto xa o contou hai dous meses. Esta dúbida severa róldame na chola pensando na idea coa que quería comezar a columna de hoxe, idea que non é outra que falar dun dos meus libros preferidos: Las inquietudes de Shanti Andía, de don Pío (narrador de raza, por certo, convencido de que a forxa do escritor é trabajar como un galeote). A obra feriu a imaxinación dun cativo e dende entón, ao longo dos anos, ese cativo, que sempre foi mellor relector que lector, volve ás aventuras do vello mariño. Don Santiago de Andía, lobo dos sete mares e fillo ilustre do seu Lúzaro natal, cando lle propuxeron poñerlle unha estatua na praza da vila, repuxo: Unha estatua para que me estea mollando o lombo o máis do tempo? Ca! Isto está ben para Andalucía pero non para o norte, onde chove arreo.

    O clima é, sen dúbida, un elemento directamente implicado na identidade da xente (prefiro dicir a xente que o pobo, concepto este romántico e evanescente, en nome do cal se teñen feito moitos disparates e que, na verdade, non me di gran cousa). A miña identidade, en concreto, débelle moito aos nosos veráns. Dende que casei, os meus ciclos estivais están vencellados, vital e espiritualmente, coa Costa da Morte, fera nación, dura de borraxeiras e pouco dada a veleidades mediterráneas. Teño reflexionado por veces nesa teima popular de identificármonos os galegos cos costumes de territorios austrais e calorosos. Anóxame ver unha palmeira (árbore horrenda onde as haxa) a carón dun rexo carballo ou un castiñeiro venerable. É como lle poñer gravata a un porco. Do mesmo xeito, resulta patético ese intento superfluo de facer de Sanxenxo Fuengirola ou converter as cancelas ou fiestras das vilas e aldeas do país en elementos ibéricos a base de barrocos retorneados, celosías e gitanillas.

    Trocarmos o sentido con carpetovetónicos e pedirlle ao noso clima sol, calor e playita permanente é como pretender que unha maceira dea cereixas ou que un unicornio teña dous cornos. O noso é botarmos o verán ollando o ceo e intuíndo optimisticamente que a mediodía abre, ho; para a semana xa dá bo; isto son néboas ou coa virasón calma o nordés. Facer ringleira para pillar praza na praia, as horteradas de Georgie Dann, a barbacoa, o tinto de verán e os mojitos de madrugada no chiringuito... isto está ben para Almería, Alicante ou Salou. A linde norte da meseta e a muralla dos montes occidentais e cantábricos marcan estilo e sinalan unha fronteira espiritual contra a que, guste ou non, se estrelan modas, tendencias e o intento van de adaptacións que, como no leito de Procusto, non hai maneira de encaixar cun clima intratable (que eu, persoalmente, adoro). A profecía da finada Raffaella cobra, co seu pasamento, se cabe, máis forza: a forza do inexorable. En efecto, para iso no que vostede está pensando, hay que venir al sur. Pois vaia, que non quede.

    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.