N1

Fernando Ónega: “No me llena de orgullo ni de satisfacción... Así lle iniciaría eu o discurso ó rei emérito”

  • 11 ago 2020 / 00:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Xornalista de dilatada traxectoria profesional, Fernando Ónega é outro dos persoeir os galegos que non deixa de acudir á súa terra tamén para veranear. Presentou informativos en varias cadeas e, como director de prensa da Presidencia do Goberno de Adolfo Suárez, foi autor de gran parte dos seus discursos, entre eles o que pasou á historia pola fórmula “Puedo prometer y prometo” que pronunciou o entón candidato na antevíspera das eleccións xerais de 1977. Autor de varios libros, é pai das tamén xornalistas Cristina e Sonsoles Ónega. Dende febreiro de 2019 preside o comité editorial da publicación 65ymás.com, un diario dixital dirixido ás persoas maiores. Estes días está de vacacións no seu Mosteiro natal.

– Como e onde están a ser este verán as súas vacacións?

Mosteiro-Pol, Lugo. Parece un enderezo de correo electrónico, pero é donde vou estar. E no medio, moito polbo e moito viño.

– Cal foi o seu primeiro encontro co xornalismo?

Clandestino. Eu ía para crego, asaltoume a tentación e caín nela. Foi o primeiro pecado mortal: tiña trece anos.

– Como explicaría, en castelán, o concepto da sorna galega?

Un mucho de mala leche, un poco de burla, una buena dosis de inteligencia y siglos de verlas venir diciendo: “deixa que xa”. No le entenderéis nunca, forasteros.

– Non usa as redes sociais por...?

Por algo que aprendín de Miguel de Cervantes: “Nunca pongo los pies por do caminan la mentira, el fraude y el engaño”.

– Se tivese que escribir hoxe o próximo discurso do rei emérito, con que frase o empezaría?

“No me llena de orgullo ni de satisfacción...”

– O seu deporte preferido?

Deporte? Iso que é?

– O refrán máis retorcido?

Este que nunca souben se se di “No hay mal que por bien no venga” ou “No hay bien que por mal no venga”.

– Que obxecto da súa infancia custodia con máis agarimo?

Unhas zocas nas que cabe toda a miña infancia e un aparato de radio que pola noite collía Radio Pirenaica e sempre estaba tumbando a Franco e pola tarde collía Radio Andorra.

– A canción máis hortera que escoitou ultimamente?

Dúas. Hai unha moi graciosa que di: “Este virus lo paramos unidos”. A outra é do ano pasado. Canta Belinda Washington: “Cinco deditos tiene la beli/ uno de ellos se mete en la cuevi”.

– Sexa sincero: de que ou de quen se acorda cando se golpea a rodilla ca pata dunha mesa?

Da nai que a pariu.

– O plan perfecto para unha noite de verán en Galicia?

Despois de media ducia de licor-cafés, dun paseo por unha corredoira, de ver como xoga a lúa cos carballos, de escoitar o oubeo dun can de palleiro, de agardar o paso da Santa Compaña, de sentir a queixume das meigas nun cruceiro, de ver o ceo que vía de pequeno cando non había luz eléctrica... e acabar cun bico ó carón dunha fonte.

– O seu rincón de pensar?

Ai!, se eu tivera tempo para pensar! Pensando escribe calquera.

Tema marcado como favorito