Tendencias

Xosé Luís Bernal: pola vía láctea do corazón

  • 17 abr 2021 / 00:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Moitas posibles formas tería eu de comezar este artigo, pero prefiro empregar esta palabra que sae do meu corazón: grazas. Hai un ano que o pesadume e a tristura aniñaron en min, fuxindo o riso e mailo humor, mais o teu libro Eles e mais eu (Galaxia, 2020), amigo Xosé Luís, devolveumos. A súa lectura proporcionoume horas de ledicia inesquecíbel. Debería de ser de obrigada lectura (coas debidas licencias eclesiásticas) para os picheleiros, sobre todo para os trasterrados que, con gran xúbilo, reviven anacos dese Santiago perdido polos recunchos da memoria. Escribiches un libro para lelo cos ollos da lembranza; nel está a acordanza colectiva xa dun tempo ido.

Os irmáns Bernal, Diego e Xosé Luís, coma min, fomos xuntos, como a maioría dos composteláns, ó colexio de Sor Julita. Na rúa das Orfas comezou a nosa andaina polo mundo. Para tal experiencia, tiñamos que atravesar un lóbrego e longo corredor con cheiro a berzas que nos conducía ata un patio con pérgola que nos levaba a un amplo salón onde tódolos nenos agrupabámonos por graos. Sor Julita, Sor Maximina, Sor Asunción e a Srta. Lola eran as encargadas da nosa aprendizaxe. Alí recibimos os da quinta do 42 as primeiras letras e os primeiros castigos. E polas tardes, sentados nunhas gradas dun extremo da clase, asistiamos á lección de Historia Sagrada ante un libro moi grande de policromadas láminas; e nenos e nenas, cantabamos a voz en grito a imaxe que anunciaba a explicación de Sor Julita. E o rubio sol escachábase nas altas ventás.

Cando rapaces facíamos un alto nas nosas travesuras e mirabamos os turistas que quedaban abraiados ante a extraordinaria beleza dos monumentos. Nós, en cambio, estabamos tan familiarizados que nin reparabamos neles. Pero si tiñamos ollos para aqueles personaxes excéntricos e pintorescos que ruaban pola cidade. Infelices e raros, tolos e miñaxoias. Vidas á marxe dos desatinos que amarguraban as xentes do común. Eles son os protagonistas dos relatos de Bernal. Xentiñas humildes e marxinais, paseantes solitarios, embaucadores de soños e melancólicos bebedores de tristeza por tabernas escuras de agre cheiro.

Os seus personaxes eran os nosos conveciños, coas súas historias, bastantes deles golpeados ou maltratados pola vida que non saen, como noticia, nos xornais. Xosé Luís converteuse no seu narrador subíndoos ás páxinas do seu libro para facelos tamén perdurables como a Compostela pola que peregrinaron na súa andaina existencial. O autor é un home imaxinativo, mestre dun afinado humor e unha miga inquedo desde as súas travesuras de neno nas que levou labazadas arreo, ata a súa visión das cousas que vía ou non vía. Xosé Luís ten outra calidade: é un home compasivo, de gran corazón como se narra nalgúns episodios. Amigo dos humildes cos que confraternizaba neses casinos que eran as tascas onde a fame, a palabra e o silencio eran as tres virtudes dos pobres.

Desde ben novo foi un observador e crítico do seu tempo e coas gafas do humor fixo denuncias cheas de ironía para fustrigar as necidades dos homes, utilizando o escaparate da ferraxería familiar o Yunque, como soporte material e espazo para unhas perfomances nas que cosificaba a súa rabiosa e imaxinativa denuncia e “daban o alto” ó atarefado transeúnte. Se Diego necesitaba do xornal, a Xosé Luís bastáballe o escaparate para crear un berro silencioso contra os abusos, de intensa e sorprendente contundencia.

Dúas partes configuran o libro. Unha presentación, titulada Eu, onde o autor e narrador da a coñecer con brevidade os avatares da súa biografía, para logo con eles ocuparse dos personaxes, unha colectánea de retratos e historias que conforman o corpus narrativo. Remata o libro cunha lembranza emotiva dos seus pais e unha mención a Farruco, á creación artística, ós dazaoito anos do seu fillo natural, que naceu vello e sabichón. Trasunto dun paisano retranqueiro e desconfiado, enxeñoso e dono dunha labia que esmendrellaba de risa ós seus espectadores.

Eles e mais eu é un libro para ler na soidade desas tardes longas da lembranza. Xosé Luís pasou de largo no montouto da fama. El nunca deixou de pisar o chan das pedras terreas e celestes de Compostela, esa cidade da vía láctea do corazón.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.