Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil de Ames recibirá unha subvención de 17.000 euros

Esta axuda económica é froito dun convenio firmado co Concello o pasado mércores // 9.200 euros dedicaranse a gasto corrente de funcionamento e 7.800 a gastos de material inventariable

Ames. O alcalde de Ames, José Miñones, e o presidente da Agrupación de Voluntarios e Voluntarias de Protección Civil, Juan Pérez Crespo asinaron un convenio mediante o cal a Agrupación recibirá, con cargo aos orzamentos do ano 2020, unha subvención por valor 17.000 euros. O convenio asinado o pasado 28 de outubro establece dúas liñas de investimento para a subvención. 9200 euros serán destinados os gastos correntes de funcionamento da Agrupación, tales como adquisición de materiais de loita contra incendios, sanitarios e de emerxencia, uniformes, desprazamento e telefonía. Está previsto que os restantes 7.800 euros se destinen neste exercicio a asuntos como complementar o remolque con bomba de auga, adquirir material sanitario non funxible, equipamento de telecomunicacións e equipamento informático.

Para o concelleiro de Protección Civil, Blas García, e imprescindible seguir apoiando e investindo en Protección Civil xa que “a labor que realizan desde a súa creación é moi importante e necesaria, e agora este concello tería unha carencia enorme sen o servizo que prestan as voluntarias e voluntarios de Protección Civil”. “Toda a axuda que poidamos prestar desde o concello ten que ser considerada como un investimento en seguridade e protección dos veciños e veciñas de Ames”, conclúe Blas García.

Pola súa banda, o presidente da Agrupación, José Pérez Crespo, considera de vital importancia esta achega: “A Agrupación de Protección Civil en Ames ten poucos anos de vida e todo o que nos serva para complementar os nosos medios favorecerá sen dúbida o servizo que prestamos, porque aínda que somos voluntarios e voluntarias pretendemos exercer os nosos labores do xeito máis profesional posible.

PRETO DE 800 ACCIÓNS NO QUE VAI DE ANO. A presenza da Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil, tanto en actos e eventos municipais e cidadás, como en sucesos imprevistos é notoria desde a súa posta en marcha en Ames no ano 2017. Só desde o 1 de xaneiro deste ano 2020 e até a actualidade, Protección Civil de Ames contabiliza 786 accións.

O colectivo interviu nestes meses en 74 accidentes de estrada, recolleu 70 animais soltos, prestou 2 asistencias sanitarias, actuou en 29 incidencias de circulación, fixo 196 operativos, atendeu 11 verteduras, estivo presente en 5 salvamentos de rescate, foi requirida nunha ocasión por forzas de seguridade e noutra para ofrecer información xeral e contabiliza 397 partes doutras incidencias, tais como incendios urbanos e forestais, vixilancia do camiño de Santiago e apoio en labores derivadas da crise do coronavirus.

03 nov 2020 / 17:09
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.