Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Asociación de Mulleres Rurais de Lestedo celebrou un ‘Videoforum pola Igualdade’

A sesión contou coa participación dunha quincena de persoas

A Asociación de Mulleres Rurais de Lestedo organizou, con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, un Videoforum pola Igualdade. Esta iniciativa desenvolveuse no local social de Lestedo e contou coa participación dunha quincena de persoas.

A sesión centrouse, segundo indican dende a organización, na temática da igualdade e na prevención contra a violencia de xénero creando un espazo de reflexión onde as participantes puideron compartir as súas experiencias. A través do visionado de diferentes vídeos, abordouse a violencia de xénero dende unha perspectiva integral. Deste xeito, as mulleres asistentes tiveron a oportunidade de compartir experiencias e de debater sobre esta problemática.

O Videoforum pola Igualdade ofreceu, así, claves para a identificación da violencia de xénero nas súas diferentes formas. Falouse tamén sobre os micromachismos e as súas consecuencias, así como a importancia de desmontar os mitos que existen en torno a esta problemática. Finalmente, aportouse información sobre os distintos recursos de axuda dispoñibles para as mulleres vítimas de violencia machista.

Obradoiro de cestería

Por outra banda, a Asociación de Mulleres Rurais de Lestedo está a desenvolver un obradoiro de cestería, cun total de 10 participantes, divididas en dúas quendas de 5. A través desta iniciativa, búscase o empoderamento das veciñas participantes creando un espazo de encontro e de intercambio de experiencias. Esta actividade serve como base para, de xeito transversal, fomentar a concienciación sobre a importancia do papel das mulleres na creación dunha sociedade máis igualitaria.

20 nov 2020 / 12:39
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.