Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A Baña vai preparar unha liña de axudas para empresas e comercio

O goberno reservará unha partida de 20.000 € que deberá aprobarse no pleno

A Baña. O Concello da Baña vai preparar unha convocatoria de axudas dirixidas ás empresas e aos establecementos comerciais do municipio que se viron obrigados a pechar por mor da pandemia. O obxectivo destas subvencións non é outro que “axudarlles a afrontar algúns dos gastos correntes que teñen que asumir, entre eles as taxas polos servizos municipais”, sinalan dende o goberno.

Trátase dun dos compromisos que adquiriu o alcalde, José Antonio Pereira, co presidente da Asociación de Empresarios A Baña Emprende, Rafael Vieito, despois da reunión que ambos mantiveron na casa consistorial.

Dar a coñecer o tecido empresarial do municipio, xerar sinerxías entre elas, e difundir os recursos que teñen ao seu alcance, son algúns dos obxectivos que persegue a Asociación A Baña Emprende, constituída recentemente. Na reunión co rexedor, Rafael Vieito solicitoulle unha liña de axudas que permita aos empresarios e comercios da vila aliviar un pouco a súa situación económica.

Nesta liña, alcalde e presidente consideran factible que estas axudas do Concello, que poderán chegar ata os 20.000 euros, se aproban os orzamentos para o presente exercicio, vaian dirixidas a aqueles negocios ou empresas “que tiveron que pechar obrigatoriamente na súa actividade por indicación das autoridades sanitarias”, indicou Pereira. Rafael Vieito, pola súa parte, considera importante poder sacar adiante a iniciativa, “que suporá un pequeno alivio para o tecido produtivo da Baña”, apuntou.

O equipo de goberno está xa a traballar na redacción das bases desta convocatoria, “que non poderemos pór en marcha ata que non se aproben os presupostos municipais de 2021, pois nos actuais non existe partida orzamentaria para isto”. A idea é darlle facilidades ás empresas e negocios para que poidan destinar estas axudas “a pagar as taxas municipais, gastos de aluguer, seguros e cotas de seguridade social de traballadores ou autónomos, entre outras partidas”, engade o alcalde.

Nun momento tan crítico para os pequenos locais, son moitos os Concellos que como o da Baña fan un sobreesforzo para darlles un pequeno respiro. C.E.

07 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.