Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
EN PADRÓN. Neste espazo proponse un percorrido polos acontecementos que marcaron a vida e a obra da autora compostelana // O 24 de febreiro e o 15 de xullo son datas claves que se rememoran con actos no lugar // “Todos os galegos e galegas senten que a poeta é un emblema que nos reúne a todos”, considera Anxo Angueira, presidente da Fundación

A Casa-Museo Rosalía de Castro, un referente cultural en todo o país

Para coñecer a historia da Casa de Rosalía toca viaxar ata o 1947, momento no que se adquire e se funda o Patronato Rosalía de Castro co obxectivo de mellorar a Casa da Matanza, en Padrón, lugar no que a escritora vivira os derradeiros anos da súa vida. Despois de varios intentos, foi mercada por Xosé Villar Granjel e Xosé Mosquera. A casa estaba en ruinas polo que precisou dunha restauración e non se converteu en Casa-Museo ata 1972 grazas á axuda de moitos galegos e galegas e outros persoeiros de fóra da comunidade. A partir dese intre pasa a estar baixo a presidencia de Agustín Sixto Seco, coa dirección museística de Xosé Fernando Filgueira Valverde.

CON QUE PODEMOS ATOPARNOS. O Patronato converteuse en Fundación en 1995, por necesidades de tipo legal. Anxo Angueira, filólogo, escritor e estudoso da literatura galega é o actual presidente da Fundación Rosalía de Castro con sede na Casa Museo de Rosalía, desde o 1 de xuño de 2012. Desde aquela houbo “cambios no discurso” coa incorporación de novas tecnoloxías e a musealización dun amplo repertorio de novas pezas adquiridas ou cedidas. Na Casa-Museo faise alusión á experiencia de Rosalía naquel lugar e aprovéitanse os espazos para explicar a vida e obra da autora, do seu marido Manuel Murguía e dos fillos. En concreto, a primeira das salas está dedicada á historia da propia casa. A maiores atopámonos con outra sala con referencias á vida da escritora e outro espazo adicado á súa creación con ilustracións sobre a obra poética e en prosa escrita en galego e castelán. Tamén atopamos unha cociña, que apenas sufriu modificación con respeto a cando ela vivía. Xa no segundo piso, hai un recuncho no que se fala de Rosalía e da familia, xa que todos mantiñan unha relación próxima coa cultura. O espazo máis destacado do lugar é o cuarto no que faleceu. Consérvase a cama e aparecen gardados elementos referentes a súa morte. Ademais gárdanse murais nos que se fala da importancia que tivo a autora a partir dese momento converténdose nun símbolo para Galicia e promovendo a apertura internacional da nosa lingua. Por outro lado, hai un salón dedicado ao discurso feminista e un último espazo cun mural no que radica a importancia do arquivo procedente da familia Baltar xunto á bandeira galega. “A bandeira está vinculada a Rosalía de Castro porque apareceu por primeira vez cando os seus restos foron trasladados de Padrón a Compostela”, afirma Anxo Angueira.

O conxunto da Casa Rosalía está composto por outros edificios. Hai un auditorio no que se celebran conferencias, concertos e recitais, un bloque para o arquivo histórico da Fundación, catalogado e dixitalizado, e un edificio en mal estado que recibía o nome de Centro de Estudos Rosalianos no que se gardan libros e outros documentos. Todo isto está rodeado por un amplo e vistoso xardín no que teñen lugar diversos actos. “Temos un patrimonio vexetal moi importante que no seu momento foi estudado”, conta.

ACTIVIDADES DESTACADAS. A Casa de Rosalía acolle ao longo do ano numerosas actividades culturais e/ou académicas que van desde presentacións de traballos e obras relacionadas con Rosalía ata concertos, conferencias, exposicións, visitas guiadas, etc. Destaca en primeiro lugar, a celebración do Día de Rosalía, o 24 de febreiro na que se convoca unha alborada e tamén se fai o Caldo de Gloria. “É unha iniciativa inspirada nun poema de Rosalía no que nos explica como facer un caldo humilde. Moitos locais hostaleiros de todo o país únense ese día ofrecendo o Caldo de Gloria como tapa aos seus clientes”, conta o presidente da Fundación. Tamén se recorda o día da súa morte, o 15 de xullo, cun acto na horta do complexo. Por outra banda destaca o roteiro “de Padrón polos Camiños” que consiste en visitas a pé polos lugares principais que marcaron a vida e obra de Rosalía nos arredores de Padrón.

COMPROMETID@S COA CULTURA. A edificación permanece aberta ao publico durante todo o ano. Os interesados/as en coñecer as instalacións poderán facelo como visita individual na que a persoa ten dereito coa súa entrada a utilizar unha audioguía dispoñible en galego, castelán ou inglés, ou ben a través de visitas guiadas para grupos. Coa pandemia víronse na obriga de pechar as portas dende marzo ata xuño. “Os visitantes reducíronse á metade do que tivemos o ano pasado”, afirma. Nestes meses foi clave a campaña de colaboración que se iniciou a finais do ano pasado. Sorprendentemente recibiron numerosas doazóns que axudan a asegurar o presente e futuro da Casa- Museo co propósito, tamén, de seguir crecendo. “Nesta campaña hai varios niveis: amigos, para persoas individuais; protectores, para pequenos comercios e mecenas, para Concellos e empresas”, explica Anxo en detalle.

Está claro que a Casa-Museo Rosalía é un referente na cultura galega, sendo un dos museos máis visitados da Comunidade. “Todos os galegos e galegas senten que Rosalía é un emblema que nos reúne a todos”, considera Anxo Angueira.

14 nov 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.