Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA
Guillermo Carracedo / Surfista campión de España Paddle Surf, licenciado en Medicina

“A miña filosofía de vida é a de levar máis viaxes feitos que anos teño”

Guillermo Carracedo, un campeón de paddle surf adicto á adrenalina, naceu en Santiago de Compostela aínda que o municipio onde se criou e onde ten o domicilio familiar é Ames. Con 26 anos, defínese como un viaxeiro que vai recorrendo países en busca de ondas que ata o momento ninguén surfeou. Fai un par de semanas volveu a proclamarse campión de España de Paddle Surf, título que se suma ao seu palmarés. A súa afección polos deportes de mar non lle impediu sacar adiante a carreira de Medicina, unha profesión á que estaba predestinado xa que naceu nunha familia de médicos, sendo fillo do recoñecido xenetista Ángel Carracedo.

Cando comezaches a practicar surf e quen te introduciu neste deporte?

Comecei moi tarde a surfear, con 17-18 anos. Moitas veces digo que non sempre depende dos anos que leves senón das horas que botes,e eu adiqueille moitas. Os que me introduciron neste mundillo do surf foron Jaime Martínez, un veciño, e Abel Lago, que foi campión do mundo de kitesurf. En canto aos meus inicios, dicir que foron en Louro (Muros). Despois xa comecei a moverme por todas partes.

Tamén practicas a modalidade de paddle surf.

Ahí acadei os resultados máis altos pero practico as dúas modalidades coa mesma intensidade. Comecei á par, pero un pouquiño máis forte no ámbito competitivo no paddle surf.

Que recordas das túas primerias competicións?

O primeiro campionato recordo que era un domingo e equivoqueime de data. Daquela non conducía e fixen a meus pais levarme ao lugar un día antes. E case me matan! Polo demais, teño moitos recordos e moito cariño gardado.

Que sintes cada vez que te adentras no mar?

O mar para min é algo moi espiritual e que me conecta conmigo mesmo. Permíteche ter unha conexión coa natureza e coa forza do mar. É algo máxico e teño claro que sen el non sería quen son agora mesmo. Para min é un dos pilares básicos da miña vida. O mar e a familia son as dúas cousas que nunca deixarei de lado.

Sobre o teu palmarés. Cales foron os últimos títulos que acadaches?

Este ano houbo poucas competicións. O último foi a semana pasada, no que conseguín ser campión de España de paddle surf por terceira vez, a segunda consecutiva. O ano pasado tamén alcancei o título de campión de España e fixen o mellor resultado nunha aparición mundial que foi top 5 individual. A maiores fun subcampión do mundo coa Selección Española.

Participar coa Selección Española. Que significou no seu momento para ti?

Comecei participando coa Selección Galega nas nacionais e a verdade é que xa o sentimento de estar nun equipo no que todos loitamos por un mesmo obxectivo, é moi bonito. Comentar que os grupos de surf son moi cercanos, como unha pequena familia. Unha vez que din un paso á Selección Española, vivín iso e a maiores relacioneime con máis xente de outros países. Teño moi bos recordos en calqueira das seleccións.

Sufriches moitas lesións que che impediran participar en campionatos?

Tiven un ano fatídico que foi o 2014 onde levei máis de 95 puntos só na cabeza. Estiven un par de días na UCI, fun trasladado en helicóptero.... Foi a lesión que me marcou, entre outras, pero para min non deixan de ser obstáculos para conseguir obxectivos.

A túa afección polo deporte non che impediu sacar a carreira de Medicina. Segues estudando a día de hoxe?

Ao rematar Medicina fixen o máster de Traumatoloxía do Deporte na UCAM, Murcia. Agora estou pendente de facer outro. A verdade é que a día de hoxe estou a adicarme completamente ás redes sociais e ao suf, pero estas ocupacións poden ser efímeras e non se sabe canto poden durar. Así, a baza de ter a carreira de Medicina servirame para nun futuro poder dicarme a algo que me gusta como é a medicina deportiva.

Falamos dunha profesión á que estabas predestinado ao nacer nunha familia de médicos. Afirmas isto?

A influencia da casa nótase. E non te creas que o do surf non é por culpa deles. Meu pai sempre dicía que quería que me gustara o mar, pero pasouse coa dose. (risas)

Poderías decirme algúns lugares aos que foras coa túa táboa?

A miña filosofía de vida é a de levar máis viaxes feitos que anos teño. Así, levo percorrido 35 países entre os cales están todos os que son míticos do surf como poden ser Australia, Bali, California, as Maldivas... Pero o que realmente me gusta é ir a sitios diferentes como poden ser as Illas Galápagos ou Islandia, lugares nos que non se pensa tanto no surf pero si hai ondas moi boas.

Cal foi o último país no que estiveches?

Xusto antes da corentena estiven no Sáhara. Agora, se todo vai ven, estou a piques de irme a Islandia.

Como viviches a corentena?

Fíxose un pouquiño longa porque os surfeiros temos moita dependencia do surf. Estes meses estiven na casa coa familia e fíxose máis levadeira. Iso si, tan pronto puiden xa estaba na auga.

En Xaneiro, “surfeaches” un río desbordado en Santiago, que moitos a catalogaron como a “túa onda máis viral”. Esperabas que fora tan aclamado?

Xusto a semana pasada, estaba na oficina de Correos de Muros e unha señora díxome: “ti eres o do charco non?”. Ao que eu respondín: “Si, son eu. E tamén acadei algún resultado que outro”. Do momento recordo a miña cara de sorpresa ao descubrir que o video superaba os cinco millóns de visitas. Vaia liada, pensei.

Que retos tes en mente para un futuro?

Teño varios retos que aínda non se poden sacar á luz, pero que conlevan máis cousas como o charco de Santiago. Despois teño moitos desafíos como atopar ondas perdidas polo mundo que ninguén surfeara antes e chegar a máis xente nas redes sociais. A maiores, na parte competitiva gustaríame moito loitar por un campionato do mundo.

15 sep 2020 / 00:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.