Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A nova depuradora de Urdilde vai ser construida no 2023

O pleno aprobou a modificación do convenio coa Xunta // Augas prevé adxudicar o contrato, por importe de 915.000 euros, a finais deste ano

O pleno de Rois aprobou na sesión deste martes, por unanimidade, os dous puntos da orde do día, relacionados coa mellora de infraestruturas no municipio. Por un lado ratificouse a addenda ao convenio entre Xunta e Concello para construír a depuradora de Urdilde, que se retrasa uns meses e quedará rematada o ano que vén. Os tres grupos tamén ratificaron a petición á Consellería de Presidencia dunha axuda para mellorar o camiño de acceso á Chisca, obra que se executará conxuntamente con Dodro.

Augas de Galicia e o Concello de Rois asinaron un convenio o ano pasado para construír a nova depuradora de Urdilde, cunha inversión de 915.000 euros, dos que a entidade local aportará un máximo de 183.000 e a Xunta outros 732.000 euros. A obra estará financiada pola UE, no marco do Eixo REACT UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2022.

Augas comunicoulle ao Concello que ten previsto adxudicar o contrato no último trimestre deste ano, polo que as obras da nova depuradora de Urdilde, que teñen un prazo de execución de oito meses, estarán rematadas no 2023. Este retraso duns meses na licitación deste proxecto é o que obriga a asinar a addenda ao convenio, aprobada por unanimidade. Na addenda establécese que dos 915.000 euros que costará a infraestrutura, 20.231,38 serán investidos este ano, mentres que os 894.768,62 euros restantes serán executados o ano que vén.

Por outra banda, o Concello de Rois e o de Dodro teñen previsto mellorar o camiño de acceso á Chisca, cunha obra que representa un investimento de case 65.000 euros, o que permitirá tapar as fochancas e botar un rego asfáltico de selado, segundo explicou o concelleiro de obras, Carlos Ares. O proxecto foi realizado polo Concello de Dodro. O pleno de Rois ratificou por unanimidade a resolución da alcaldía pedindo unha axuda á Vicepresidencia Primeira dentro do programa para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotación, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais destinados aos concellos.

Segundo explicou o alcalde durante a sesión plenaria, Dodro encargouse de realizar o proxecto, Rois solicitou este ano a subvención e os dous concellos pagarán ao 50 % os custos da obra. A axuda da Xunta xa está concedida e en breve iniciarase o proceso de contratación.

06 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.