Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O festexo boqueixanés celébrase dende hai case 50 anos // As primeiras veces usábanse carros tirados por bois // Aínda que foi cambiando, a celebración conserva a esencia TEXTO C. Estévez

A parroquia de Oural ten que agardar un ano máis polo desfile de carrozas

Cada fin de semana, a partir do 15 de maio, e dende hai case medio século, as aldeas de Oural levan amosando a súa creatividade á hora de elaborar as vistosas carrozas que, a día de hoxe, son todo un símbolo desta parroquia boqueixanesa. Proximamente tería lugar a data sinalada para celebrar a tradición, pero por segundo ano consecutivo non poderán saír ás rúas por mor da pandemia. Segundo explican fontes municipais, o libro As Carrozas de San Cidre, elaborado pola Asociación Xuvenil Raíña Lupa, detalla as orixes desta celebración; que polo visto hai que buscar a comezos dos anos 70.

Nun curso de ensinanza familiar impartido á veciñanza por dirixentes da Sección Feminina da Falanxe xurdiu a idea de trasladar a celebración que tiña lugar na terra dunha das profesoras (era dun municipio de Castela). Suxeriu realizar un festexo propio na honra do San Cidre, patrón das persoas labregas, e a raíz disto a veciñanza animouse a recrear en carrozas distintos aspectos e oficios tradicionais relacionados co rural.

“Os primeiros anos utilizáronse carros tirados por bois e neles podíanse ver, por exemplo, elementos da malla, espigas ou, incluso, un teatro tradicional”, explica Juan Neira, veciño de Oural. Lembra que os habitantes das aldeas se xuntaban nunha casa e pasaban horas confeccionando a carroza para tela lista no gran día. Neira sinala que “era unha competición sá entre as distintas aldeas. Incluso houbo un ano de piques con pólvora entre as de Camporrapado e Lubián. Pasábamolo moi ben... Ao final iso era o importante: xuntarnos e facer algo entre todas e todos para despois gozar dunha xornada de encontros, música e diversión”.

Aínda que co tempo o evento se foi adaptando, nunca perdeu a súa esencia. Mentres non chega unha nova edición do tradicional desfile, os veciños e veciñas de Oural teñen que contentarse coas lembranzas da última: a de 2019. Foi unha edición na que participaron oito carrozas e que contou cunha asistencia de máis dun cento de persoas. Veciños e visitantes observáronas desfilar polas rúas de Camporrapado para logo quedar expostas no campo da festa de Oural. Nesta última edición incluso participou por primeira vez o alumnado da Escola Unitaria de Camporrapado. Levaron unha carroza en cuxa construción axudaron as crianzas, os pais e nais e o profesorado do centro.

“Agora somos menos na parroquia, pero agardo que esta tradición non caia no esquecemento logo de dous anos sen poder celebrarse por mor da situación sanitaria”, conclúe Juan Neira, quen anima ás novas xeracións a seguir mantendo viva esta festa popular.

O evento arrancou durante os últimos anos o venres pola noite cunha misa. Logo continúa o sábado pola mañá, de novo con misa solemne, e con verbena pola noite. O domingo é o gran día, xornada na que ten lugar o desfile dende Camporrapado ata o campo da festa de Oural. Non falta durante o percorrido o acompañamento musical, e de seguido, os asistentes poden degustar varios pinchos e viño.

13 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.