Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Sete de cada dez quilos das súas uvas amparadas por Rías Baixas van parar a outras subzonas da denominación de orixe, sobre todo O Salnés // Un 98,3 % de toda a produción é albariño // As variedades tintas só ocupan o 0,5 % TEXTO Víctor Furelos

A Ulla só converteu en viño nas súas bodegas un 30% da colleita

Os datos da última vendima da denominación de orixe Rías Baixas son moi claros coa subzona Ribeira do Ulla, en donde os viticultores colleitaron 1.490.434 quilos de uva e exportaron a outras subzonas, sobre todo O Salnés, un total de 1.148.881 quilos. É o mesmo que dicir que nas bodegas da Ulla só entran tres de cada dez quilos de uva recollidos na súa propia terra.

Un total de 92 viticultores coidan todo o ano 189 hectáreas de viñedo dividido en 265 parcelas que nesta colleita deron 1.465.733 quilos de albariño, 7.805 de treixadura, 5.761 de caíño blanco e 3.150 de godello no que se refire ás variedades brancas, mentres que nas castes tintas 1.987 quilos son caíño tinto, 188 sousón e 5.810 mencía. Un 98,3 por cento da produción céntrase no albariño e soamente o 0,5% é tinto.

Estos datos van quedar escasos en moi pouco tempo. Grandes bodegas de Rías Baixas como Altos de Torona, Rectoral do Umia ou Mar de Frades desembarcaron con forza na Ulla e xa están a plantar grandes extensións de viñedo. De feito, ocupan máis de 150 hectáreas, o que supón que en pouco tempo vaise duplicar a superficie de produción. Pero este feito non fará máis que agrandar esa fenda exportadora xa que ningunha delas ten pensado, polo menos de momento, elaborar viño nunha instalación propia na Ulla, polo que a uva está destinada a viaxar ó Salnés ou ó Rosal.

A colleita total de Rías Baixas foi de 34.470.166 quilos, un 6,38% máis que no ano anterior. E como dato significativo hai que destacar que o rendemento foi de 8.420 quilos de uva por cada dez mil metros cadrados de viñedo.

Tomando como base este último dato, poderíase dicir que a vendima na Ulla vai dar en poucos anos preto de tres millóns de quilos achegándose moito ó Rosal, aínda que moi lonxe dos 22 millóns de quilos deste ano no Salnés ou dos case 7,5 millóns do Condado.

Pero que teñen as uvas da Ulla para chamar a atención dos grandes grupos bodegueiros? O seu territorio conta con maior altitude, ademais dunha oscilación nas temperaturas máis acusada e un solo puramente granítico. Todo eso tradúcese en viños brancos máis afroitados y de maior frescura. A uva da Ulla ademais aporta a viños doutras subzonas grao alcohólico e un toque de acidez moi elegante. Pero como non todo vai ser bo, as xeadas son un inimigo constante que ás veces fan moito dano.

Lonxe quedan aqueles fanáticos que tanto criticaron a entrada da Ulla en Rías Baixas alá polo ano 2000 e que ata chegaron a insultar e ameazar a aquel grupo de cinco decididos valentes que teimudos e donos da razón sacaron adiante un proxecto que hoxe é sustento para moitas familias que poden estar orgullosos das súas colleitas pola calidade que esperta o interese no corazón do albariño.

Despois dunha vendima atípica polos protocolos adoptados a causa da pandemia do covid-19 –o Sergas ata realizou probas serolóxicas ós traballadores para afrontar as tarefas con garantías– o futuro da subzona Ribeira do Ulla na denominación Rías Baixas semella estar garantizado a falta de que se instalen na comarca máis bodegas –non plantas de transformación para facilitar o transporte levando mosto en vez da uva–. Axudarían a crear emprego fixando poboación ó evitar a fuxida dos máis novos e aportarían marcas de calidade.

Orgullosos do que é noso

Non fai falta entender de viños para bebelos. Só hai que saber cando se meten na boca se gustan ou non. E actualmente hai varios viños elaborados por bodegas da Ulla que hai que saborear con calma. O da gaseosa doutros tempos hoxe sería un atentado. E o de aquel xornalista que dicía que na Ulla só se podía facer vinagre non é máis que a frase fallida dun iluminado. A pena é que os adegueiros que apostan polo viñedo non decidan construir tamén unha bodega en Vedra ou Boqueixón. E aínda hai máis penas, a de moitos veciños que piden albariños doutras subzonas e a de moitos bares e restaurantes da zona que non teñen na carta un deses viños tan deliciosos dos que poden presumir diante de calquera turista.

02 nov 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.