Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Alta participación na cuarta edición dos Premios Youtubeir@s

Compiten 537 vídeos e 68 canles // Daranse a coñecer os gañadores tras a ponte de decembro // Repartiranse 7.500 euros

Ames. A cuarta edición dos Premios Youtubeir@s, organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña, dará a coñecer as persoas gañadoras dos seus doce premios a comezos do mes de decembro. Nesta edición compiten un total de 537 vídeos e 68 canles, unha participación que duplica amplamente a da edición de 2019, ano en que concorreron 240 vídeos e 50 canles.

Este ano a gala de entrega será sustituída por un formato dixital no que os/as finalistas dos tres premios principais (canle, youtubeir@ e vídeo) serán entrevistados/as polas poetas Lucía Aldao e María Lado.

As conversas serán emitidas en Youtube e difundidas polas redes sociais ao longo dos días 1, 2 e 3 de decembro ás 20.00 h, mentres que a decisión definitiva do xurado conformado por Brais Romero, Rosa Moreiras, Matías Tarrío, Xoana e Mabel Montesao farase pública tras a ponte de decembro.

7.500 euros en premios. A cuarta edición dos Premios Youtubeir@s conta con cambios significativos nas súas bases en comparación con anos anteriores e un incremento da súa dotación económica, que pasa dos 6.500 euros de 2019 a 7.500 euros para repartir nos doce galardóns do certame neste ano. Os Premios Youtubeir@s regresan por cuarto ano consecutivo co obxectivo de animar a creación de vídeos en lingua galega con temáticas e formatos diversos, dende vídeos de deportes, viaxes ou videoxogos até videoblogs políticos ou videoconsellos de moda. Ao tempo, buscan darlle visibilidade tanto á produción en galego como á comunidade creadora e “Expandir a Rede”, como di o lema deste ano.

O concurso conta cos seguintes premios: canle, vídeo, youtubeir@, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público. Os tres primeiros acompañaranse cunha dotación económica de 1000 euros e os nove restantes chegarán aos 500 euros.

27 nov 2020 / 13:35
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.