Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Rematarán os obradoiros sobre a flora exótica invasora entre esta semana e a vindeira // Participarán 900 estudantes de varios cursos e centros TEXTO Alba Prada

Amabul esperta a conciencia ecolóxica entre os máis novos

A asociación medioambiental Amabul, de Vedra, é unha entidade sen ánimo de lucro coñecida polo seu traballo en prol do coidado da comarca natural do Ulla e polas súas numerosas propostas para educar aos máis novos e novas no respecto á natureza. A pesar da crise sanitaria, a entidade segue a pór en marcha todo tipo de actividades, e as últimas están dirixidas ao estudantado, centrándose en concreto na eliminación da flora exótica invasora. O pasado mes de marzo, a asociación arrancou unha serie de obradoiros sobre este tema que están a impartir entre os alumnos e alumnas de Educación Infantil, Primaria e Secundaria. “En total participarán na actividade 900 rapaces e rapazas”, explica o presidente de Amabul, Rubén Villasenín.

Xa estiveron a impartir as clases entre os estudantes de Infantil e primeiro e segundo ciclo de Primaria do CPI de Vedra; entre os escolares de 1º e 2º da ESO no IES de Melide, e no Mestre Pastor Barral (Melide) recibiron a formación os nenos e nenas dos cursos de Infantil e Primaria. Entre este martes, mércores e xoves tocaralles o turno aos estudantes de Infantil, Primaria e Secundaria do CPI de Touro, e na vindeira semana a entidade porá punto e final aos obradoiros no CEIP de Toques, no Plurilingüe de Pedrouzos (Brión) e no CEIP Nº 2 de Melide.

“O obxectivo destas clases non é outra que achegalos á problemática das plantas exóticas invasoras”, indica Villasenín. “Ademais, dentro desta actividade, os rapaces e rapazas da ESO están a construír unha poesía ambiental sobre este tema”, conta o presidente desta asociación.

A partir das aulas, ensinaranlle aos máis novos “a identificar os trazos destas plantas exóticas invasoras e a coñecer as principais vías de introdución e propagación”, relata Rubén. “Tamén coñecen cales son os impactos que causan nos ecosistemas, na flora autóctona, na nosa saúde e na do resto das especies. Asemade facémoslles ver cales son os impactos socioeconómicos, que son moitos”, engade. Fóra da parte máis teórica, tampouco faltan, entre os máis pequenos e pequenas, xogos de simulación, mediante os cales poden entender o que sucede cando as plantas autóctonas se ven invadidas polas exóticas invasoras.

COGOMELAR. Amabul pecha neste mes os obradoiros dirixidos a escolares, pero as propostas da asociación medioambiental non cesan. O vindeiro día 8 de maio todos os interesados no mundo da micoloxía teñen unha cita na Nave da Estación de Santa Cruz de Ribadulla, en Vedra. O micólogo Chemi Traba será o encargado de guiar aos participantes polos bosques do Ulla na busca dos cogomelos. A través desta sesión farase unha achega á micoloxía propia da primavera, e ensinarase aos interesados a identificar os cogomelos silvestres. Aquelas persoas que desexen formar parte da sesión deberán cumprimentar o formulario de inscrición na páxina web https://www.amabul.org/cogomelar-primavera/ antes do vindeiro 30 de abril. Tamén se pode solicitar información no teléfono 620 424 090, en capacitacion@amabul.org ou no Facebook da asociación.

20 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.