Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ames organiza este outubro roteiros no marco de ‘Pegadas’

Dentro da Aula da Natureza, a iniciativa propón andainas e tamén actividades para os estudantes // Arranca cunha saída micolóxica

A veciñanza amesá poderá desfrutar durante este mes de outubro de varios roteiros ao aire libre grazas ao programa Pegadas, que propón o Concello a través da iniciativa Aula da Natureza. A primeira das propostas é a identificación e recolleita de cogomelos. En total, a iniciativa terá lugar dous sábados deste mes e outros dous de novembro.

“A primeira delas levarase a cabo o sábado 17 de outubro polos piñeirais e carballeiras de Ortoño. O 31 deste mes, o destino serán os bosques mixtos de Oca e Lens; o 14 de novembro, os prados e montes de Biduído, e o 28 do mesmo mes os camiños da Ameixenda”, informan fontes municipais. Para poder participar hai que inscribirse antes das 14.00 horas do xoves anterior a cada unha das saídas no correo auladanatureza@concellodeames.gal.

A segunda das actividades será unha ruta polas fragas do Eume e visitas interpretadas ao mosteiro de San Xoán de Caveiro e ao museo etnográfico de A Capela. As saídas continuarán en decembro co obxectivo de que os participantes coñezan os acivros, ruscos, escaramuxos e outras curiosidades do bosque de Ames en inverno.

As Terras de Ulloa, coa ruta dos torrentes do Mácara e unha visita interpretada ao Castelo de Pambre será o primeiro destino do ano do programa Pegadas que terá lugar no mes de xaneiro.

Para o mes de febreiro, a proposta levará á veciñanza a seguir O rastro do oso, camiñando ata a Devesa da Rogueira, no Courel, e visitando a Casa Museo de Uxío Novoneyra. Allariz, coa ruta da Padela e a visita ao ecoespazo o Rexo e a súa queixería, será o destino de marzo.

Para abril prevese facer un roteiro en barco polo río Mandeo, un xogo de orientación no espazo natural de Chelo e unha visita ao Pazo de Mariñán. As actividades concluirán en abril cunha excursión e unha visita interpretada á illa de Sálvora. Ademais, a través da Aula da Natureza ofreceráselles aos centros educativos e ás ANPA a realización de xincanas ambientais e o estudo da fauna e a flora.

07 oct 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.