Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Celebrouse unha mesa redonda sobre como preservar a tradición e definíronse os pasos para acadar a distinción// O texto presentouse en Boqueixón, no Pazo de Quián, cando se cumpren máis de dous meses da súa entrada en vigor TEXTO A. Prada

Animan aos artesáns a obter o selo de calidade alimentaria

Prestar un “apoio decidido e activo” ao produtor pequeno e artesanal, por medio dun distintivo propio e único, e apostar pola revitalización da actividade económica no rural para “xerar riqueza e emprego, e frear o despoboamento”. Ese é, segundo explicou o conselleiro de Medio Rural, José González, o principal obxectivo da Xunta para pór en marcha un decreto que regula a artesanía alimentaria en Galicia. Precisamente, cando se cumpren algo máis de dous meses da súa entrada en vigor, o selo de calidade presentábase onte ao público no Pazo de Quián, en Boqueixón. O conselleiro estivo acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos.

Durante o acto Cabarcos centrouse en explicar os requisitos e os pasos que deben seguirse para facerse co Selo Artesanía Alimentaria e abordouse tamén a forma de promovelo entre os operadores galegos. Non faltou tampouco unha mesa redonda na que estiveron representados diversos operadores de referencia para falar da preservación da tradición alimentaria. Así, participaron nela Carlos Brea, de Cervexa Toupiña, obradoiro de cervexa; Alberto Rodríguez, da Pastelería Estilo, obradoiro de confitaría e Brígida Hermida, de Xearte Brigitte, obradoiro de xeados.

O titular de Medio Rural recalcou a importancia de que exista esta distinción, pois dixo, era preciso establecer o marco de referencia onde se atopen os principios que permitan chamar a algo “artesán”. Todo isto, a partir do respecto á gran tradición existente en Galicia en canto á elaboración de produtos alimentarios feitos a man, tanto da terra como do mar, e sinalou que “temos que apostar pola nosa tradición alimentaria e pola súa protección fronte á estandarización derivada das formas modernas de produción”.

González reiterou que a principal finalidade deste selo “é impulsar os valores económicos, culturais e sociais que a artesanía representa para Galicia, e dentro deles o valor engadido que aporta a calidade, neste caso vinculada á marca Galicia Calidade”. Esta aposta, agregou, tamén pasa por preservar e estimular o establecemento de empresas alimentarias que elaboran o mellor produto posible do xeito “máis enxebre, máis senlleiro e tradicional”, engadiu González.

O texto que onte se presentaba en Boqueixón define, en verbas do conselleiro, “o que se considera artesanía alimentaria”, e marca cales son as condicións para acadar dita distinción. Ademais, salientou que a norma contempla a realidade que existe a día de hoxe respecto aos produtos feitos a man, e define dous tipos. Por un lado, os produtos “caseiros ou da casa”, que serían os que proceden de explotacións agrogandeiras que transforman a súa materia prima en circuítos curtos de comercialización. E por outra parte, os produtos artesáns “de montaña”, para aqueles procedentes de empresas radicadas en zonas específicas cualificadas como tales pola Unión Europea.

O decreto afectará tanto aos consumidores como aos propios elaboradores. Os primeiros identificarán os artículos que están amparados por un selo específico e os segundos terán unha etiqueta que recoñece o seu traballo.

O PROTAGONISTA
“beneficia aos profesionais e consumidores”
José González
Conselleiro de Medio Rural

O titular de Medio Rural insiste en que este selo de calidade alimentaria “é unha norma necesaria e útil, que beneficia ás artesás e artesáns, pero tamén aos consumidores”, dixo González. Ademais o conselleiro vinculou esta norma coa “filosofía sostible da Galicia Verde” e reafirmou a aposta do Goberno galego pola singularidade e pola posta en valor do “natural”, entendido como “a verdadeira calidade”, sinalou.

Durante a súa intervención no Pazo de Quián quixo reiterar o apoio da Administración autonómica “pola arte, polo san e, por suposto, polo galego”. En definitiva, “pola artesanía alimentaria de Galicia”, concluiu.

Dende a Xunta tamén quixeron recalcar que esta acreditación supón asemade un intento de fixar pobación no rural, con interese especial nas comarcas de montaña. Ensalza ademais esta acreditación o traballo das mulleres no campo.

{ A OLLADA }
Valorar o feito na casa
A. Prada

as novas xeracións están cada vez máis concienciadas coa importancia de seguir unha alimentación sá, e xa hai anos que existe unha tendencia clara por consumir alimentos biolóxicos. Precisamente en Galicia temos moi arraigada a cultura da elaboración de produtos artesáns. Os que nos criamos nun pobo estamos moi acostumados a degustar os tomates, as cebolas, pementos ou froitas da horta... e cando o padal se acostuma aos sabores “reais” é moi difícil despois conformarse cos produtos cargados de conservantes que venden nos supermercados. E precisamente para axudar ao consumidor a optar polo mellor e. á vez, para recoñecer o duro traballo dos artesáns, se pon en marcha este selo. Un “made in Galicia” en toda regra.

29 oct 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.