Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Aprobado por unanimidade o proxecto para a mellora do firme do tramo urbano da avenida da Maía en Bertamiráns

A Xunta de Galicia financiará a obra con 140.101,75 euros // Xa poden iniciarse os trámites para o proceso de licitación

Ames. Este xoves, 24 de setembro, o Concello de Ames celebrou unha nova sesión plenaria, neste caso a ordinaria do mes de setembro. En dito pleno a Corporación municipal deulle aprobación por unanimidade ao proxecto técnico para a mellora do firme do tramo urbano da avenida da Maía, en Bertamiráns. Informouse da liquidación do exercicio 2019 que amosa un remanente de tesourería de 9.250.000€, un resultado orzamentario axustado de 2.400.000€ e un superávit de 1.270.000€. Ademais, aprobouse por unanimidade a constitución da Asociación de concellos da Ruta Rosaliana “As Pegadas de Rosalía”; a gratuidade das cotas dos segundos fillos/as e sucesivos nas escolas infantís municipais; a segunda modificación das bases de execución do Orzamento de 2020; e unha proposta presentada polo concelleiro José Ramón Oulego para rexeitar o transfuguismo como práctica de corrupción política. Tamén se aprobou por maioría absoluta a afectación durante 10 anos do local adquirido para coworking e unha proposta presentada polo grupo municipal socialista sobre o sobrecuste dos gastos de limpeza e desinfección dos centros educativos de titularidade autonómica para os Concellos.

O Pleno ordinario do mes de setembro estivo presidido polo primeiro tenente de Alcaldía, David Santomil, debido a que o alcalde, Jose Miñones, atópase de baixa debido a unha operación cirúrxica. A sesión plenaria comezou con David Santomil dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria.

Un dos temas aprobados por unanimidade de toda a Corporación municipal foi o proxecto técnico para a mellora do firme do tramo urbano da avenida da Maía, en Bertamiráns. Este tema foi presentado no apartado de mocións por vía de urxencia, xa que non puido ser incluído nas comisións informativas previas ao pleno e na orde do día do pleno pola falta dun informe técnico. Este proxecto enmárcase dentro do convenio asinado coa Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia para a transferencia da avenida da Maía ao Concello de Ames. En dito acordo recóllese que a Xunta de Galicia financiará con 140.101,75 euros a mellora do firme do tramo da estrada AC-543, no treito entre a glorieta da autovía AG-56, no punto quilométrico 6+250, e o límite municipal con Brión, no punto quilométrico 8+390.

Unha vez dito proxecto foi aprobado polo Pleno poderanse iniciar os trámites para iniciar o proceso de licitación. As obras executaranse naqueles tramos nos que o firme está en peor estado e tamén naquelas zonas do firme nas que se van a realizar modificacións na circulación. Tamén se van habilitar novos pasos para peóns na avenida da Maía e arranxar o firme dos espazos de estacionamento, que se atopan nas beiras da estrada, que están en peor estado.

COMPETENCIA MUNICIPAL.O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explicou que a idea do Goberno municipal é solicitar a transferencia de varios tramos de estradas para que sexan de competencia municipal como o tramo da estrada DP-0205, dende o inicio da rúa Alcalde Lorenzo ata A Condomiña; a avenida da Peregrina; o tramo da AC-544 ao seu paso por diante do CEIP da Maía, e maila rúa Seixabre, que une a AC-544 coa CP-0202.

25 sep 2020 / 20:27
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.