Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O programa Amessan de envellecemento activo para maiores de sesenta anos vai camiño das dúas décadas de vixencia // Paz, Teresa e Nucha aseguran que lles axuda a erguerse cada mañá, mellorar a súa forma física e atopar amigas TEXTO M. Outeiro

As septuaxenarias rexuvenecen coa ximnasia terapéutica diaria

Xa o dicía o alcalde Blas García na súa investidura: “Se algo funciona ben, porque cambialo?”. E isto precisamente é o que pasa co programa Amessán da concellería de Benestar, camiño xa das súa decimoctava edición e cuns resultados que deixaría pampo a Ponce de León: unha auténtica fonte da eterna xuventude para os maiores do municipio que, madia leva, ten o seu mínimo de idade para poder participar e poñerse coma un carballo: as sesenta primaveiras.

E para mostra, un botón: as clases de ximnasia terapéutica. Blindadas, segundo os datos divulgados dende o Concello, a catro persoas por grupo, sempre con máscara, distancia e respecto de todas as normas marcadas polas autoridades sanitarias, esta disciplina acométese sempre que o tempo o permite ao aire libre no Pazo da Peregrina. As alumnas, maiores de setenta anos, manifestan que botaron moito de menos estas clases durante o confinamento, e afirman que grazas a esta actividade séntense “máis áxiles e rexuvenecidas”, tanto física como mentalmente. Espreguiza corpo e mente, é o seu actual lema.

Así, entre os pareceres que o testemuñan están os de Paz, Teresa e Nucha, que cada martes acoden, a pesar de que lles gustaría que fosen máis días á semana. Alí, durante unha hora, fan exercicios de mobilidade articular, estiran os músculos do tronco superior e realizan unhas rutas circulares ao aire libre aproveitando a maquinaria de exercicios que o Concello ten instalada.

DOCENTE. Uxía, unha das profesoras da actividade afirma que “hai moita xente que levaba moito tempo encerrada na casa e botábanse en falta entre eles. O importante de todo isto é o grupo, a unión”. A encargada de impartir as clases asegura que “o confinamento influíu negativamente ás persoas que soían vir xa que a moitas delas notóuselles ao comezar de novo un empeoramento nas condicións físicas”.

Teresa, de Trasmonte, quédase co positivo da nova forma de facer as clases xa que asegura que lle gusta máis estar ao aire libre. A veciña asegura que vindo a estas actividades “sempre se fan amigas”, mentras que Paz gábase de ter a axenda libre para estas actividades, xa que leva máis de dez anos participando en iniciativas municipais, e “se máis houbera, máis me apuntaba. Xa fun a pintura e a piscina”, transmitía.

E Nucha (seis anos en ximnasia terapéutica grazas as súas amigas que a animaron), da fe de que “ao xubilarme, estas actividades sérvenme como motivación para levantarme”.

10 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.