Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Boqueixón desfruta de parques infantís con novas cubertas

O Concello solicítalle á Xunta que tamén se incorpore esta infraestrutura no da Escola Unitaria de Sergude // Investíronse 50.000 €

O municipio de Boqueixón xa ten cubertos os parques infantís de Lestedo e Camporrapado. Precisamente ata o lugar, para comprobar o resultado das obras, desprazouse onte a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto.

Hai que lembrar que estas actuacións tiveron cunha axuda da Xunta de Galicia de case 34.000 euros ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público. De feito, a convocatoria de 2020 da mesma contaba cunha liña para o financiamento da construción de parques infantís cubertos ou a cubrición de parques xa construídos. Deste xeito o Goberno galego aportou o 80% do montante total, que foron preto de 50.000 euros, mentres que o Concello asumiu o 20% restante. Dende a Xunta lembran que este ano xa se publicou a nova convocatoria desta Orde “mantendo o orzamento de 4 millóns de euros do ano pasado despois de incrementalo en 2020 nun millón de euros”, apuntan.

O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández, quixo destacar con motivo da visita de Natalia Prieto, os beneficios destas renovadas infraestruturas “porque, aínda que están localizadas ao carón das Escolas Unitarias, son utilizadas pola veciñanza da contorna, dada a súa accesibilidade e a seguridade das instalacións”, aclarou. “Ademais, coas novas cubertas, tamén se poden empregar en caso dos días de tempo máis desapacible”, indicou.

No caso do parque infantil de Lestedo, instalouse unha estrutura metálica coa que se cubriu unha superficie de preto de 150 metros cadrados, mentres que en Camporrapado a cuberta foi de 215. Ambas contarán con placas traslúcidas para que pase o sol. O rexedor agradeceu o apoio da Dirección Xeral de Administración Local e lembrou que “ xa presentamos a solicitude para levar a cabo a reforma e cubrición do parque infantil da Escola Unitaria de Sergude. Un proxecto que suporá un investimento de 50.000 euros, dos cales a Administración Autonómica asumiría o 80% e o Concello, o 20% restante”, explica.

25 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.