Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Boqueixón e Vedra perfilan xa o centro de día compartido

Recentemente os rexedores de Vedra, Carlos Martínez, e Boqueixón, Manuel Fernández, trasladáronlle á conselleira de Política Social, Fabiola García, a través dunha reunión telemática, a necesidade de ambos municipios de contar cun centro de día para cubrir as necesidades das familias. O proxecto, lonxe de quedar en só palabras, comeza xa a perfilarse. E é que os dous alcaldes mantiveron un encontro coas traballadoras sociais de ambos os dous municipios, Ana Anta e Ana Aldrey, no salón de plenos vedrés, co obxectivo de perfilar as principais liñas a seguir para a redacción do proxecto a través do cal se creará este recurso de proximidade.

Durante a xuntanza os dous rexedores coincidiron na urxencia de contar con este servizo, posto que din “existe unha demanda real por parte das familias, nalgúns casos, con persoas cun grao de dependencia avanzado”.

Acordouse no encontro que as técnicas de Servizos Sociais comezasen a elaborar unha memoria do modelo de atención. Neste senso, barallaranse dúas posibilidades: “a posta en marcha dun centro de día compartido ou a incorporación a maiores dunha pequena residencia”, sinalan fontes municipais.

Iniciarán as traballadoras sociais tamén unha rolda de contactos con profesionais do eido para propoñer un modelo de xestión que atenda ás necesidades de ambos os dous municipios. Esta proposta conxunta inicial materializarase nunha memoria técnica do proxecto, que se presentará, previsiblemente, no mes de xuño, segundo informan dende ambos Concellos. Carlos Martínez e Manuel Fernández reuniranse cos servizos urbanísticos para estudar a viabilidade doplan. Ademais porase en marcha unha comisión específica de seguimento. “Esta iniciativa nace do acordo unánime de ambas as dúas Corporacións para ofrecer á veciñanza un servizo fundamental e que permitiría dar resposta á demanda existente de atención a persoas maiores”, din.

15 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.