Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Buscan ao autor da brutal paliza que acabou cun gato morto en Montouto

Teo. A asociación Abeiro chama á colaboración cidadá para dar ca persoa que mallou nun pequeno gato ata matalo, deixándoo tirado en Teo. Segundo explican dende a entidade de protección animal, o 30 de novembro recibiron o aviso “dun gatiño morto, perto do tanatorio de Montouto, e perto dunha das nosas colonias, O Xardín de Robin”, din.

A persoa que localizou o felino sen vida deu tamén a alarma a Protección Civil, “que retira o seu corpiño, polo que non puidemos acceder a el”. A falta da necropsia que non se realizou, a sensación de quen o viu é de que ese gatiño “foi brutalmente torturado, xa que tiña moitos ósos rotos, e posiblemente tamén os órganos internos. O gatiño apareceu cunha caixa e toalla”, afirman en Abeiro.

A única pista que manexan é que o día anterior á aparición do animal, un home cunha bolsa e un martelo foi visto indo para a zona onde foi atopado o gato. “A denuncia está posta, pero temos moi poucos datos. Precisamos que se alguén sabe algo, axude a que este feito non sexa un máis dos milleiros de casos de maltrato sen consecuencias”, divulgan os voluntarios.

Abeiro é unha asociación sen ánimo de lucro fundada en outubro de 2005 en Santiago. Traballa con casas de acollida, xa que non ten refuxio propio nin subvencións de ningún tipo, ademais de adicarse a castrar e controlar colonias de gatos, pero tamén a rescatar cans e gatos da rúa ou canceiras, buscándolles fogar. Máis datos en www.asociacionabeiro.org. M. Outeiro

10 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Teo
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.