Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Convocan a voluntarios que desexen retirar lixo ao abeiro da limpeza fluvial que impulsa Adega o vindeiro domingo

A cita terá lugar ás 10.30 horas na praza do Concello e os participantes deberán levar máscara e luvas

A Maía. Un total de 65 concellos de Galicia, entre eles o de Ames, participan nunha nova edición do Proxecto Ríos, unha acción de limpeza simultánea dos leitos fluviais, proposta pola Asociación Adega, que pretende concienciar á cidadanía sobre o estado dos ríos e a necesidade de contribuír ao seu coidado. Os voluntarios que desexen participar deben acudir o domingo, 26 de setembro, ás 10.30 horas ata a praza do Concello de Bertamiráns.

Unha vez neste punto de encontro, e dependendo do número dos que se apunten, actuarase en distintos tramos dos ríos que pasan polo territorio municipal. Co obxectivo de facilitarlles un seguro, os interesados deben enviar un e-mail (auladanatureza@concellodeames.gal), indicando o nome completo e o DNI. Deberán levar máscara, luvas e respectar as medidas hixiénico sanitarias que ditamina a pandemia.

A concellaría de Medio Ambiente, a través da Aula da Natureza de Ames organiza esta xornada. Faranse grupos de cinco ou seis voluntarios para cada tramo, e está previsto que a limpeza dure dúas horas. Ás 13.00, reuniranse todos de novo na praza do concello para avaliar o tipo de lixo recollido e facer unha estimación dos quilos de refugallos que finalmente se retiren. Unha vez finalizada a actividade, a Aula da Natureza será a encargada de enviar a Adega os datos cos nomes dos ríos no que se actuou, o número de voluntarios e a estimación dos quilos de lixo retirado. Tamén se enviarán fotografías da recollida.

Recoméndase que leven luvas, paus cun pincho para coller o lixo, botas de auga e bolsas grandes ou sacos para recoller os refugallos. O Concello conta con parte dese material que tamén pode ser solicitado polas persoas que participen. A edición 2021 desta iniciativa conta co apoio directo de Augas de Galicia, o IET, e os concellos de Ames, A Estrada, A Laracha, Allariz, Ares, Arzúa, Carballo, Fene, Foz, Gondomar, Meis, Melide, Nigrán, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadumia, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, Teo, Tomiño, Verín e Xinzo de Limia.

Noutos municipios limítrofes, como poden ser o de Negreira ou a Baña, vai ser a asociación Afonso Eanes do Cotón quen organice os grupos, escollendo para este ano o rego de Duomes ao seu paso pola vila. O punto de encontro será o vindeiro domingo ás 11.00 horas na explanada do instituto Xulián Magariños de Negreira. m. manteiga

24 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.