Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
En xuño celebraranse as Catas de Galicia, que se presentaron onte no Pazo de Quián, Sergude // As empresas do sector teñen ata o 28 deste mes para enviar as inscricións // Hai un concurso de deseño da botella e etiquetado TEXTO Alba Prada

Destilan glamour os envases dos viños e licores galegos

Galicia é sobradamente coñecida pola súa fabulosa gastronomía, pero tamén pola calidade dos seus viños e destilados. Non hai máis que facer un repaso polas Denominacións de Orixe (DO) coas que contan os nosos viños: Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras. A isto hai que engadir todos aqueles que levan a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Viños da Terra: Val do Miño-Ourense, Betanzos, Barbanza e Iria, e Ribeiras do Morrazo. E isto no tocante aos viños, pero non menos importancia teñen os destilados (augardentes e licores) amparados baixo as Indicacións Xeográficas (IIXX) das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. Neste caso, hai que nomear a IX Augardente de Galicia, IX Augardente de Herbas de Galicia, IX Licor de Herbas de Galicia e a IX Licor Café de Galicia.

Precisamente, con ánimo de pór en valor os nosos viños e bebidas espirituosas, chega unha nova edición das Catas de Galicia. Este ano xa está aberto o prazo para que as empresas do sector se animen a participar neste certame de renome nacional. O encargado de presentar a cita de 2021 foi José Luis Cabarcos, director xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), entidade adscrita á Consellería do Medio Rural. Durante a rolda de prensa (que tivo lugar no Pazo de Quián, en Sergude, Boqueixón) recalcou que todos aqueles que desexen formar parte das Catas de Galicia teñen ata o vindeiro mércores, 28 de abril incluído, para enviar o boletín de inscrición debidamente cumprimentado ao consello regulador correspondente, “quen certificará que as empresas que se inscriban cumpren os requisitos e condicións establecidas nas bases do concurso”.

Anunciou asemade unha novidade : “este ano haberá unha nova categoría de premios ao mellor deseño da botella e etiquetaxe, para premiar aquelas adegas que apostan tamén por unha presentación innovadora e creativa no seu etiquetado e no propio envase, pois moitas veces o consumidor escolle o produto pola súa imaxe exterior”, explicou Cabarcos. O mes de xuño é o escollido para celebrar a XXXIII Cata dos Viños, a XXIII Cata das Augardentes, a X Cata dos Licores Tradicionais e o I Concurso de Deseño da Botella e Etiquetaxe. En cada unha delas haberá diferentes categorías nas que poderán concursar os participantes, aínda que só se deberá presentar un máximo de dúas marcas que se estean comercializando por empresa e categoría.

Este ano por mor da COVID, sinalou o presidente de Agacal, reducíronse “os requisitos relativos ao volume de embotellado do viño para que as pequenas adegas non deixen de participar nesta nova edición”. Toda a información sobre as bases do concurso e as inscricións pódese consultar na seguinte ligazón: https://mediorural.xunta.gal/es/temas/agricultura/cata-vinos-aguardientes. No que atinxe aos viños, o persoal da Consellería do Medio Rural recolle e identifica as botellas participantes nas súas respectivas adegas, co apoio dos responsables de cada selo de calidade. Para garantir que as catas sexan a cegas, todas se envolven en material opaco e introdúcense nunha caixa selada. Con respecto ás augardentes e os licores tradicionais, recóllense as mostras en envases idénticos de 3/8 de litro.

O presidente do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Aguardentes e Licores Tradicionais de Galicia, José Antonio Feijóo, agradeceu que “desde Agacal e a Consellería do Medio Rural se siga apostando por realizar estas Catas de Galicia, especialmente en épocas tan complicadas como a actual. A situación sanitaria prexudicou tamén ao noso sector e este certame servirá para continuar na liña da excelencia”, sinalou a este diario.

22 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.