Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Dóanlle á Fundación o Herbario de Rosalía

Contén 150 plantas presentes na súa obra // Cedérono as dúas profesoras que o fixeron

Un día despois do Día Mundial da Poesía, que coincide co Día Mundial dos Bosques e a entrada da primavera, as profesoras Mª Isabel Fraga Vila e María López Sández doaron á Casa-Museo o Herbario de Rosalía, feito a partir da obra da autora e que consta de 150 pregos, con cadansúa planta no interior. “Trátase dunha ofrenda á autora á que tanto debemos, que nos ensinou a mirar a paisaxe galega doutra maneira, para que poida incorporarse ao discurso museístico e estea a disposición de todas aquelas persoas que se acheguen á Casa Museo”, afirman.

Flores e plantas ocupan un lugar sobranceiro na obra de Rosalía, consagrada á dignificación da paisaxe galega e das súas xentes. Por iso, segundo explican, durante o 2019, Mª Isabel Fraga e María López materializaron un herbario físico conectado coa obra de Rosalía de Castro. Para isto foi preciso un baleirado completo da súa obra, poética e en prosa, para localizar a totalidade das plantas e flores mencionadas.

Despois, seguindo o ciclo anual e privilexiando os espazos rosaliáns, aqueles que ela transitou e que describiu, seleccionaron o material: unha importante serie de rosas, acorde coas máis de 70 mencións que teñen na obra de Rosalía; pero tamén de herbiñas do camposanto ou herbas do campo florido, coherentes coa valoración da flora humilde que foi común aos autores marcados polo Romanticismo, desde Wordsworth á propia Rosalía.

Desde a Fundación din que sen o coñecemento botánico de Fraga, profesora de botánica e directora durante varios anos do Museo de Historia Natural da USC, non existiría o Herbario; “mais non se trata dun herbario científico, senón literario, un achegamento ás plantas e flores queridas a Rosalía, o herbario que as profesoras imaxinaron que podería ter feito a autora”, contan. “Se os narcisos de Wordsworth se convertiron nun símbolo universalmente coñecido da paisaxe inglesa, as rosas, as herbiñas do camposanto, do campo florido coas que Rosalía pintou as terras galegas tamén merecen perdurar”, conclúen.

23 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.